Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Carlos Labraña

Carlos Labraña

 1.– Principal trazo do seu carácter?

–  Son moi, moi indeciso.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– Unha cousa ben difícil de atopar hoxe en día, a coherencia.

3.– Que agarda das súas amizades?

–  Nada, así todo o que me dan agradézollo moito.

4.– A súa principal eiva?

– Son unha persoa un chisco obsesiva, gústame abondo a orde na miña vida .

5.–  A súa ocupación favorita?

– Ler, cando atopo un libro que tira de min.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Un día sen problemas.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– A dor dun ser querido.

8.– Que lle gustaría ser?

– Unha nube, para aboiar no ceo e deixarme levar polo vento.

9.– En que país desexaría vivir?

– Nun país no que non houbese dor e sufrimento. Pero como ese lugar non existe, quedo co noso.

10.– A súa cor favorita?

–  A cor azul.

11.– A flor que máis lle gusta?

– As margaridas silvestres.

 12.– O paxaro que prefire?

– A aguia.

13.– A súa devoción na prosa?

– Albert Camus.

14.– E na poesía?

– Fernando Pessoa.

15a.-  E no teatro?

– Shakespeare, Chéjov…

15b.-Un libro?

– O principiño.

16.– Un heroe de ficción?

– Atreiu, da Historia Infinda.

17.– Unha heroína?

Pippi Långstrump.

18.– A súa música favorita?

– Guadi Galego, que ademais é da miña terra, Cedeira.

19.– Na pintura?

– Por exemplo, as prazas baleiras de xente de Chirico

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– Miña nai, que nos deixou este Nadal, despois de traballar toda a vida para a súa familia.

21.– O seu nome favorito?

– Ximaraos, un lugar dunha parroquia de Cedeira.

22.– Que hábito alleo non soporta?

A impuntualidade. Aínda que agora xa o vou levando cun pouco máis de paciencia.

23.– O que máis odia?

– A inxustiza.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Francisco Franco, non podo esquecer que eu nacín nunha ditadura.

25.– Un feito militar que admire?

– Ningún. Eu nin sequera fixen o servizo militar, daquela obrigatorio.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– Saber bailar ben.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– Durmindo, sen molestar a ninguén.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Cando era máis novo eu sempre estaba ledo e ría moito, pero cada vez preocúpome máis por todo.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Aqueles que proveñen da debilidade de carácter.

30.– Un lema na súa vida?

– Na procura dos soños atoparás a liberdade.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 6 Febreiro 2017 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: