Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Olga. Revista de poesía galega en Madrid: “Sabino Torres, baixo o peito a ferida”, nº 2, decembro 2016

Vicente Araguas (dir.)

Olga. Revista de poesía galega en Madrid. Sabino Torres, baixo o peito a ferida

Asociación Cultural Río Xuvia, Madrid, 2016.

 

Olga. Revista de poesía galega en Madrid chega á súa segunda entrega e, como non podía ser doutro xeito, recoñece e homenaxea a quen foi o seu fundador, Sabino Torres, a uns meses aínda para que se cumpra o seu primeiro cabodano.

     Pasar a ollada a esta revista é case un milagre. Lela unha necesidade. En tempos menesterosos lograr unha publicación de estética tan elegante e coidada coas dificultades que un proxecto destas dimensións encerra ben merece, ao meu parecer, unhas liñas que a visibilicen…, pero aínda máis porque o recoñecemento que as persoas máis próximas a Sabino Torres lle tributan e que impulsaron o proxecto da revista -léase Vicente Araguas, Manuel Pereira Valcárcel, Rafa Yáñez ou Lidia Teixeiro entre outras- foron quen de articular un compendio plural, a través dunha polifonía de voces pertencentes a diversos ámbitos e de filiación interxeracional, do que Sabino Torres foi e representou ao longo da súa vida.

   Velaquí unha mínima -pero valiosa ao meu ver- homenaxe ao editor, poeta, memorialista…, respecto do que tanto se escribiu e aínda se ha de escribir,  pero sobre todo salientan as páxinas, que sempre son as máis relevantes cando da memoria se fala, dedicadas ao ser humano. Sabino representa moitas cousas cando de cultura galega falamos e é de xustiza telas sempre presentes, mais un dos méritos desta publicación é a de transmitir con transparencia vivencias e experiencias compartidas con Sabino. Da lectura de todas elas un sae máis convencido, por se algunha dúbida había, de que Sabino era -segue a selo na evocación de moitos- dos “bos e xenerosos”. Particularmente nunca o dubidei e Olga vén confirmalo con excelencia.  Grazas por facelo posible.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: