Autobiografía dun labrego
Xerais, Vigo, 2016, 128 páxinas, 12,50 €
No ano 1986 Edicións Xerais publicaba un libro titulado Autobiografía dun labrego do profesor Xosé Ramón Mariño Ferro que, ata hai poucas datas, estaba esgotado e descatalogado. Por iso saúdo a extraordinaria iniciativa que supón esta edición actualizada do título homónimo tanto por facilitar tanto unha posible relectura como polo que pode supor a descuberta dunha achega orixinal á antropoloxía mercé o testemuño oral de Manuel García Lemos, tal e como nos advirte Mariño Ferro nun limiar ad hoc para esta edición, que faleceu hai oito anos en Castrofeito onde nacera. Este home, tamén coñecido como Manuel de Bao, ou Manuel de Roxo, é quen fala en primeira persoa nestas páxinas e resulta doado decatarse das razóns polas cales Mariño, que dá unicamente forma ao relato oral agora transcrito, o define como “home intelixente, vital e dunha simpatía sen desfalecemento”, aproveitando esta ocasión para restituír o verdadeiro nome dos lugares malia que o das persoas aínda se manteñan ocultas baixo outras denominacións.
Asomarse a este libro, subtitulado significativamente como “estudo novelado de antropoloxía”, supón achegarse a un mundo particular, noso, non sei ben se case desaparecido mais onde temos moito, talvez, aínda que descubrir. Non se atopará aquí ningunha referencia de corte académico nin ningunha explicación; antes ben exprésase directamente o protagonista -na liña das autobiografías antropolóxicas- dun xeito novelado. É así como, con bo criterio, van revelándose as claves comportamentais, individuais e grupais, os hábitos e costumes…, mais tamén a revelancia que ten a cultura popular mercé a memoria de Manuel de Bao ao longo da súa dilatada vida. Velaí como nos mostra, por exemplo, o signficado de “chamar á palabra” a alguén, revélase que era “fixar a palabra”, que características tiña a “mellora” polo código vello ou polo código novo, en que consistía “a panxola”…
A estas, e a outras moitas cuestións, dá resposta este libro que se le con agrado e fluidez. A memoria de Manuel do Bao, e o traballo de Mariño Ferro, condúcenos polo alfa e o omega dunha vida singular e única, abofé, mais ao tempo tan semellante a outras tantas que xa non están e ou que se van indo. Coa voz de Manuel de Bao, coa súa palabra -tan rica- viaxamos polas súas orixes, polos noivados e o sexo, polas aparicións e as doenzas, polos traballos e os días con indubidable feitizo e atractivo. Queda en nós para sempre.