Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Matilde, de Sozapato

Sozapato

Matilde

Kalandraka, Pontevedra, 2017, 48 páxinas, 10 €

 

Quen o dubida: hai historias que non precisan palabras. Ou si, e agardan por nós para que as imaxinemos. Velaquí unha ocasión para confirmalo: Sozapato (Sofía Zapata Ochoa), ilustradora e mais actriz, articula unha proposta visual no álbum Matilda onde as palabras, e todo aquilo que sintamos, poñémolas e deseñámolas nós, e facémolo libremente, sempre libremente.

    Sozapato é quen, así pois, de bosquexar, silandeira e expresivamente, un camiño onde o emprego da cor cobra especial relevancia ata converterse nun verdadeiro símbolo: as cores grises e negras acompañan unha realidade cotiá, despersonalizada, marcada pola tristura e a incomunicación das persoas nunha cidade calquera, mentres que a cor vermella vai, aínda que non só, canda a protagonista da historia, isto é, con Matilda: unha nena rebuldeira e imaxinativa que, cun pincel diante do que non resistiu a tentación de usalo, vai darlle forma a un dragón que cobra vida de seu. No clímax do fío narrativo aparece o dono do pincel, un ilustrador que, coñecedor do que a maxia dese pincel é quen de atesourar, volve as cousas á súa orde malia quedar sempre aberta a posibilidade de que o xogo imaxinativo continúe con outro personaxe, un neno innomeado que, seica, seguirá a crear mundos propios co pincel.

     Matilda rende un tributo á ilustración como profesión, isto é, suxire un recoñecemento á imaxinación, á fantasía e á propia creatividade entendida como unha forza indómita imposible de coutar. Un libro que, ademais, convida de seu ao proceso de relectura onde se revelarán ángulos que nun primeiro encontro semellan agocharse para logo agromar maxicamente. Teño para min que esta é unha proposta moi afortunada no seu xénero. Feliz por atopala.

 

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 15 Febreiro 2017 por en Álbum ilustrado,Crítica literaria , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: