Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A soidade das medusas, de Iria Collazo

Iria Collazo López

A soidade das medusas (ilustracións de Luz Beloso)

Galaxia, Vigo, 2016, 84 páxinas, 11,10 €

 

Tras a exitosa carta de presentación que supuxo Coma unha áncora, chega este novo libro de Iria Collazo López, acompañado das sempre suxestivas e atractivas ilustracións de Luz Beloso. A soidade das medusas supón, desde o meu punto de vista, un paso adiante dado con convicción ao testemuñar que se quere seguir transitando por estes camiños e, francamente, alégrome que así sexa. O libro, nesta ocasión, componse dun conxunto de relatos en aparencia desconexos pero, no fondo, vinculados por diversos elementos distribuídos con moito tino e que se van revelando, con sorpresa, aos ollos da lectora ou do lector.

    Iria Collazo ten moitas cousas que contar e sabe como facelo. De promesa pasa a verdadeira, e gratificante realidade. Neste volume esparéxense historias que que axudan a reflexionar, libremente, sobre a vida, a morte, a soidade, os mundos náufragos e a resiliencia; tamén sobre os condicionantes que afectan as nosas vidas e as dos demais para reparar, coma se unha epifanía se tratase, en todos aqueles fíos invisibles que as van unindo, ou separando se callar.

     Nun libro de relatos, se cadra, o máis difícil é manter unha liñade calidade máis ou menos homoxénea que sexa operativa para prender na lectura e, se aínda hai elementos que logran darlle certa unidade como personaxes que, inesperadamente, reaparecen ou se nos suxire que reaparecen para pechar un universo, moito mellor. Collazo conségueo, sen esquecer o coidado estilístico, desde a descrición que se atopa no primeiro conto onde a asfixia -real mais tamén simbólica, que mesmo se estende cara ao propio proceso de escrita- dun escritor que queda pechado nun apartamento ata o último, onde a dureza e os golpes que dá a vida agroman en cada liña. En todos estes contos citados,  en todos os relatos en xeral, paira esa idea recorrente, abordada desde diferentes e felices perspectivas, da vivencia e das consecuencias da soidade, da vellez, do paso do tempo, da morte… Xustamente, unha medusa dun acuario que aparece no derradeiro relato descríbese como “viva, pero ausente”,  ignorante da beleza e da “súa inexorable soidade”.

     Collazo idea personaxes, en moitas ocasións, náufragos e distanciados de si mesmos e dos demais, insíreos en situacións que poden parecer extremas mais que non o son. Con todo, non é un libro de relatos unívoco e non todo é realismo, mesmo en ocasións cheo de dureza como no fantástico relato “TOC” porque, por veces, é o  simbolismo de filiación fantástica ou onírica quen axuda a explicar o que, por veces, resulte verdadeiramente inexplicable.

      Recomendo vivamente A soidade das medusas. Un libro construído, paréceme, cos fíos da vida como afirmaba Fernández Paz. Sen dúbida, un paso adiante dunha voz nova que cómpre non deixar pasar desapercibida.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: