Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso

Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso

Mel, unha mosca agradecida

Nova Galicia Edicións, Vigo, 2016, 76 páxinas, 16,95 € + CD

 

Avanza, con paso firme, o tándem creativo constituído por Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, ofrecendo agora a quinta entrega dunha serie de álbums ilustrados, editados na súa totalidade por Nova Galicia Edicións e que gozaron dunha excelente acollida nos últimos anos. Velaí ese corpus conformado por O soño de Esther, O valente coello que quixo soñar, O cullarapo Croque e A nena á que non deixaban ser feliz ao que se suma, arestora, este Mel que integra na publicación un coidado cedé con poemas recitados polo autor e mais oito cancións das que se responsabilizan, representando un amplo abano de estilos musicais, Miguel Alonso, Servando Barreiro, Malvares de Moscoso e Maese Pedrido.
     Mel, quen o dubida, é un libro-cedé que se arraíza nun carácter claramente comprometido que asemade abraza o aspecto máis lúdico da poesía. O autor do texto e a responsable das ilustracións acreditan nas posibilidades que a poesía encerra para o divertimento e, ao tempo, para a reflexión sobre valores como son a propia lingua galega, a lectura, a solidariedade, o pacifismo ou o respecto á diferenza entre outros, conseguido a través tanto da proximidade que ofrece ese protagonismo coral que bebe do universo dos animais domésticos como da construción dun discurso poético áxil e rítmico apoiado, ou sustentado, nunha lectura visual suxestiva. Mel supón a aparición dunha nova proposta imaxinativa onde a fantasía e as posibilidades do que a poesía pode ser para a xente miúda é unha realidade. Alégrome por iso.