O papagaio. O xornal da xente miúda, nº 5
Moito Conto Edicións, Vigo, 12 páxinas (por subscrición).
Hai proxectos, como esta revista para a xente máis nova titulada O papagaio, feita desde aquí e para aquí, respecto dos que resulta moi gratificante escribir unhas liñas. Penso nesta iniciativa que Abraham Carreiro leva a cabo no selo editorial Moito Conto desde o mes de outubro de ano pasado: unha revista que se vai asentando no tempo e da que cómpre subliñar as posibilidades que encerra nos ámbitos do ensino, da normalización lingüística, da información, do divertimento ou, sinxelamente, da formación.
No ronsel das revistas infantís galegas O papagaio evoca de seu a histórica As roladas, que botara andar Ramón Cabanillas, ou aqueloutra publicación de referencia chamada Vagalume e paréceme esta unha realidade fantástica para bibliotecas de centros de ensino e para particulares. Cunha periodicidade mensual, editada en papel e cun formato atractivo, estrutúrase con seccións fixas que se achegan, dun xeito claro, directo e divertido, a asuntos como a ciencia, a ecoloxía, a arte, a historia, a propia banda deseñada ou explora temas de actualidade. Neste exemplar que caeu nas miñas mans, loxicamente, ocupa un espazo o entroido, mais tamén hai lugar para coidadas reportaxes, asesoradas con especialistas, sobre o acoso escolar, a nanotecnoloxía, a chamada “eco-moda”, artigos sobre a nosa fauna, arredor do Amazonas ou sobre aspectos históricos de noso como as reviravoltas de Al-Mansur, alén de páxinas de banda deseñada como as que protagonizan “Wifi. O can intergaláctico” ou “Viladenihil”, unha entrevista ao mago Xacobe, páxinas dedicadas a oficios e profesións, información cinematográfica ou mesmo un receitario, sempre acompañándose con numerosas propostas lúdicas e outras que suxiren camiños para a investigación e a descuberta de quen a lea.
Coido que é difícil ofrecer tanto por tan pouco. Que O papagaio siga transitando este camiño e, claro é, que teña unha longa e feliz andaina.