A candidata
Galaxia, Vigo, 136 páxinas, 14 €
Galardoada co premio García Barros baixo o título de A candidata, esta última peza do xornalista, narrador e dramaturgo Miguel Sande, achégase tematicamente aos golpes que deben sortear os membros dunha familia de clase media que, nun momento concreto, ven como todo o que os sostiña se esfarela a través de tres voces diferentes que son a nai, a filla e mais o pai. Estas tres voces adoptan, ademais, recursos técnicos e expresivos diferentes e actúan de contrapunto diante dun mesmo feito como é a desfeita persoal e tamén colectiva que xera un cambio radical no estado das cousas debido á crise económica.
Particularmente gústame moito a escrita de Sande porque camiña fiel a si mesma para construír un universo literario compacto como testemuñan a peza teatral Sabes que mamá quería ser bailarina…, Se algún día esta muller morta ou A vida fóra…, textos cos que, ineludiblemente, A candidata dialoga en moitos aspectos como son os estilísticos -ese gusto pola frase breve, contundente, exenta de retórica e talvez aquí inclinada cunha maior intensidade ao corte abrupto que supón unha chamada de atención continua para os sentidos- ou os temáticos, como poden ser tanto a querenza polo retrato de fíos argumentais de carácter familiar como esa ollada recorrente coa que se intervén criticamente na realidade, sempre desde a propia realidade e a través de voces que se ispen diante da lectora ou do lector.
Sande é xornalista e incorpora con transparencia narrativa esas consecuencias que a crise suscita no perfil dos personaxes como son, en primeiro lugar, a filla, que abraza unha liña contestataria e articulada politicamente, como mostra de protesta e de rebelión contra o establecido e, se cadra, a que simboliza unha visión máis esperanzada do que está por vir. Pola súa parte, a nai, acaroada ao xénero da crónica ou máis ben do diario a través dunha serie de vídeos, espella a destrución familiar con momentos de elevada tensión narrativa e o pai articula un discurso sen dúbida impactante e por veces inesperado, a través do recurso á entrevista, e que resulta fiel testemuña duns tempos actuais e do abismo que supón a perda absoluta de valores. Unha novela da que resulta difícil saír igual que cando se comezou a ler; unha novela para reflexionar e mesmo debater.