A Nosa Terra nº 1 (14 de novembro de 1916, edición facsímile)

VV.AA.

A Nosa Terra, nº 1, 14 de novembro de 1916 (edición facsímile)

Universidade da Coruña, A Coruña, 8 + 22 páxinas, 12 €

 

Aplaudo esta iniciativa que converte en realidade o Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña en colaboración coa Deputación da Coruña e que incorpora, na mesma publicación, a reprodución facsímile da primeira entrega do xornal A Nosa Terra, publicado o 14 de novembro de 1916, a carón dunha serie de textos que reparan na relevancia que a posta en marcha do xornal, no seo das Irmandades da Fala, supuxo non só para o seu tempo.

    Esta proposta, oportunísima por se dar a coñecer o ano do centenario mais tamén pola súa proxección inmanente, dispúxose mercé ao labor de Uxío-Breogán Diéguez e mais de Teresa López, e gozou da colaboración da Real Academia Galega, do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (CSIC), de Celso Álvarez Cáccamo e da Fundación Penzol.  Alén da reprodución facsímile dese primeiro número, de inestimable operatividade didáctica e informativa, non é menor a relevancia, fóra do prólogo institucional a cargo do reitor coruñes, Julio Abalde, do texto recuperado de Víctor Casas publicado orixinalmente nas páxinas da revista Nós onde reflexiona sobre o percorrido do boletín irmandiño que el dirixiu vinte anos despois desde que comezara a andar.

      A publicación complétase con senllos e rigorosos artigos a cargo de Teresa López e de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, desde agora fundamentais tanto para valorar con pertinencia o que significou este proxecto xornalístico e político como para revelar a exacta dimensión que gozou a presenza nas páxinas d´A Nosa Terra dos ecos dese movemento político-cultural fundacional da Galicia moderna como foron as Irmandades da Fala. Parabéns ás persoas que idearon o proxecto e ás que contribuíron a facelo realidade.