Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Animalario cotián… entre irmáns, de María Lires

María Lires

Animalario cotián… entre irmáns

Xerais, Vigo, 2017, 40 páxinas, 11 €

 

Aprecio moito o labor como ilustradora de María Lires, sobre todo tras un traballo, ao meu ver de resultados espléndidos que acometeu no ano 2011 para unha edición bilingüe de Longa noite de pedra, publicada por Auga Editora. O seu percorrido artístico non comezara aí, pois xa viña de ben atrás, pero a fabulosa interpretación plástica dos poemas de Celso Emilio Ferreiro -todo un reto sen dúbida ningunha- fixo que Lires formase parte das ilustradoras polas que expresei e expreso sempre a miña admiración. Por iso supón para min unha alegría atopar esta incursión como autora con este álbum, naturalmente ilustrado por ela mesma e que ve a luz en Edicións Xerais baixo o título de Animalario cotián… entre irmáns.

    Lires sitúanos nun contexto de carácter doméstico dominado polo afán lúdico. Dous irmáns rifan entre si, explorando así os límites da creatividade oral a través das similitudes fonéticas ou doutra orde co animal que cadaquén escolle para se disfrazar, establecendo un xogo continuo e ascendente de alcumes co que un acirra á outra, e viceversa, en virtude das potencialidades imaxinativas que pode encerrar cada disfrace con que aparecen revestidos nunhas expresivas ilustracións que focalizan esa dicotomía. Todo conclúe coa chamada de atención do adulto e o recoñecemento de que o valor do amor que se profesan, malia todo, é o verdadeiramente relevante. Parabéns a María Lires por este traballo á espera doutros que, estou certo, han vir.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: