Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Carlos Casares. Vida e literatura, por Damián Villalaín

Damián Villalaín

Carlos Casares. Vida e literatura

Xerais, Vigo, 2017, 104 páxinas, 12,50 €

 

Chegado esta mesma semana ás librarías galegas non puiden evitar internarme, por obrigada necesidade docente e curiosidade persoal, á que resulta a primeira achega, de corte máis ou menos ensaístico, que asedia a figura de Carlos Casares neste ano desde o punto de vista biográfico e literario e que, nesta ocasión, está especialmente dirixido a unha franxa lectora que vai dos once ou doce anos en diante. O certo é que este traballo do articulista e profesor Damián Villalaín, titulado Carlos Casares. Vida e literatura, coidadoso traballo por certo, está orientado con moito acerto cara ás devanditas idades pero tamén resulta manifesto que a súa lectura resulta grata, informativa e suxestiva fóra desas  fronteiras.

    Ben é certo que Villalaín, que compartiu once anos de traballo con Casares na Editorial Galaxia, benefíciase como é lóxico desde trato continuado e da amizade que o uniu co escritor ourensán. Poderíase pensar que unha das ameazas que se poderían abater, así pois, sobre un libro destas características sería o de construír, mesmo inconscientemente, unha haxiografía. Na realidade, todo o contrario. É este, ao meu xuízo, un libro ideado desde as instancias do respecto e do agarimo pola figura homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. Respecto e agarimo que, por outro lado, se funden co coñecemento, coa documentación, co diálogo vivo con outras voces e coa vontade de conseguir, en definitiva, unha tonalidade narrativa sinxela, fluída e acaída para que as persoas máis novas comprendan as claves máis relevantes do contexto histórico, social ou cultural no que Casares se moveu e, ao tempo, o que a figura de Casares supuxo.

      Nuns días, concretamente o vindeiro xoves 9 de marzo, cúmprense os quince anos do falecemento de Carlos Casares. Non hai mellor homenaxe, neste ano de celebracións casarianas, que ler ou reler os seus libros. Mais hoxe, a esta proposta, súmolle a de ler este libro de Villalaín que nos brinda unha magnífica oportunidade para divulgar a súa figura e para difundir a súa obra literaria, insisto, para todas as idades.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: