Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Máis aló do azul e do rosa, por Ana Torres Jack

Ana Torres Jack

Máis aló do azul e do rosa

Galaxia, Vigo, 2016, 105 páxinas, 12 €

 

 

Seguía, e sigo, con interese os artigos que Ana Torres Jack subscribe desde hai tempo nas páxinas do suplemento La Voz de la Escuela polo que aplaudo a iniciativa de transformar nunha guía práctica moitas das ideas, e outras máis, que se exhibiron naquelas páxinas xornalísticas.            O libro ao que me refiro, subtitulado significativamente coa aseveración de “como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”, coido que supón un inexcusable avance como proposta con vontade de intervención para erradicar, ou contribuír a erradicar, a violencia exercida contra as mulleres. Particularmente a revisión desas rutinas de desigualdade que están inseridas no día a día, a análie dos preconceptos e das consecuencias nefastas da sobreprotección que se exerce desde os pais e nais, a presenza abouxadora dos “micromachismos”, a orientación que se lle debe outorgar ao papel que desempeñan arestora as redes sociais e outros detalles non menores que se impregnan no ámbito familiar sen que en tantas ocasións se cheguen a cuestionar  as súas consecuencias nun futuro próximo parécenme páxinas brillantes e, ao tempo, incontestables nese obxectivo implícito que goberna este volume como é o destruír os estereotipos máis daniños.

      En efecto, neste manual de cen páxinas -dominado por certo por unha linguaxe directa e sinxela- a autora ofrece un compendio de estratexias de prevención de doada aplicación nun contexto familiar, claramente marcado polo criterio da utilidade e, ao meu xuízo, operativo non unicamente para o devandito ámbito pois hai argumentos irrefutables que asemade resultan de interese para calquera territorio educativo ou docente no que nos movamos. Articulado en cinco partes de xeito que ao primeiro cuestionamento respecto da existencia dunha sociedade igual para homes e mulleres, engádense as respostas a cuestións como son o que se pode facer como pais e nais para educar en igualdade e previr a violencia machista desde a casa, asediar as causas do maltrato machista e o universo conflitivo dos adolescentes na casa para concluír cunha sorte de decálogo que definen as familias que educan en igualdade. 

Un libro que debería estar en moitas casas, en moitos centros de ensino e en moitas bibliotecas pois á erradicación dun dos grandes males do noso tempo tamén axudan os libros coma este que educan e orientan desde as instancias da reflexión e da toma de partido.

Advertisements

2 comentarios en “Máis aló do azul e do rosa, por Ana Torres Jack

  1. Carlos Arias Iglesias
    14 Marzo 2017

    Beizón por nos traeres este texto e este tema, Ramón. Creo que, neste asunto, todas e todos temos moito que gañar, e nada que perder. Apertas!

    • Ramón Nicolás
      15 Marzo 2017

      Grazas a ti, Carlos. En efecto: moito que gañar. Unha aperta!!!

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: