Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Os tres de nunca, de Nacho Taibo

Nacho Taibo

Os tres de nunca

Xerais, Vigo, 2017, 568 páxinas, 23 €

Os tres de nunca é o último traballo dun escritor que mestura historia e ficción nun libro cheo de referencias cinematográficas, literarias e culturais.

 

Hai non moito tempo, afirmaba Nacho Taibo que unha das súas ocupacións favoritas era «viaxar no tempo» e asemade «escribir mentres viaxo no tempo». Talvez moito desta afección, proxectada no plano creativo, enchoupa Os tres de nunca ao dialogar con multitude de referencias cinematográficas, culturais e literarias. Con elas establece un pacto ricaz e envolvente entre historia e ficción, crebado pola introdución do fantástico como simbolizan tres canzorros do tímpano dunha igrexa que velan polos protagonistas desta proposta; elemento operativo para afastala do xénero de novela histórica strictu senso.

      Sintetizar o argumento desta voluminosa novela non é tarefa doada. Emerxe dunha urdidoira que traballa con nobelos de fíos resistentes e tensados, resulta esixente como artefacto literario e ao tempo é de grata e suxestiva lectura. As súas páxinas alimentan esa amentada viaxe no tempo na que, da man dunha estrutura fragmentaria, un grupo de tres protagonistas –imposible non pensar en Os dous de sempre de Castelao- van e veñen para contaren, ou para que se conten, as súas vidas desde os tempos da República ata a época da Segunda Guerra Mundial: existencias que conflúen e se afastan, nun rodopío continuo onde entran e saen multitude de personaxes recollidos nun elenco final que constitúe, de seu, outra noveliña máis integrada na principal.

     Velaí, así pois, as experiencias do Patacón, un anarco-sindicalista que no fondo reacciona como un covarde para acabar exiliado e que ten a facultade de entender todos os idiomas do mundo; de Milorde, un fidalgo cultivado, consumidor de morfina que colaborará no servizo secreto británico e que goza do poder de aumentar ou diminuír o seu tamaño e mais de Bocoi, personaxe que tras abrazar o galeguismo acabará convertido ao fascismo, alimenta sen culpabilidade os instintos máis básicos e, ademais, dispón da fantástica capacidade de ler o pensamento das persoas que mira de fronte se son da Coruña, cidade por certo que vai máis alá de ser un dos múltiples espazos que se aquí deseñan, cobrando unha relevancia que a converte noutro protagonista. Os tres de sempre, ademais, mergúllase no pozo das contradicións do ser humano, fala da amizade e, tamén, de como todas as guerras logran esfarelar o mellor de cada persoa.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 10 de marzo de 2017.

Advertisements

2 comentarios en “Os tres de nunca, de Nacho Taibo

  1. luisfoz
    15 Marzo 2017

    Estou a ler o livro e parece-me sensacional. Gosto muito da tua recensão e sei que o Nacho também gostou

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: