“Á marxe. Obra xornalística”, de Carlos Casares. Tres novos volumes

Chegan da man da editorial Galaxia, e moi oportunamente, tres novos volumes da obra xornalística de Carlos Casares que poñen o ramo, á falta de novas iniciativas que talvez poidan articularse, ao proxecto iniciado hai anos que pretendía xuntar e poñer a disposición das persoas interesadas esas pequenas e celmosas pezas xornalísticas que o autor ourensán foi espallando durante moitos anos nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia, cunha periodicidade diaria desde xuño de 1992. Os textos que se ofrecen agora van desde os publicados en 1999 -compilados por Iago Martínez-, pasando polos que viron a luz no 2000 -colectánea de Denís Vicente- e, nun volume, os de 2001 e 2002 baixo a responsabilidade de X. Manuel Soutullo.

Teño para min que para trazar con construír unha cartografía de Casares, tanto no plano das experiencias e vivencias compartidas como noutras ordes (léase nos ámbitos da literatura, da ideoloxía e naquel que atinxe ao desvelamento doutras parcelas máis íntimas ou persoais)  estes textos resultan unha fonte inestimable de coñecemento que, ademais, vistos por xunto -a carón doutro material xa publicado- resultan elocuentes para revisar a consideración dunha faceta como é a que supuxo a actividade de colaborador en xornais que, ao meu ver, non resulta complementaria senón central na da actividade publicística e cultural de Carlos Casares. A través dela desvélase unha voz senlleira, que repara nos grandes acontecementos mais, ao tempo, naqueloutros máis circunstanciais ou aparentemente efémeros, sempre desde un pulso narrativo áxil e fluído.

Víctor F. Freixanes, cuestionado polo xornalista Xesús Fraga, afirmaba hai algún tempo que as columnas de “Á marxe” constituían a gran novela aberta de Casares. Participo desa opinión sen ningunha dúbida. Como en todo cadaquén terá un capítulo, ou varios, nesta novela que, por diversas razóns, resulte o seu preferido. Entre outros, particularmente quedo cunha pequena columna que viu a luz o 15 de outubro do ano 2000. Titúlase “Acuña” e xurdiu tras a participación de Casares nun Congreso celebrado ao longo de tres días en Trives e no que se homenaxeaba a figura do poeta e mestre republicano Manuel Luís Acuña. Reproduzo as liñas finais daquel artigo:

A pesar da diferenza de idade, fixémonos amigos e tíveno por un dos meus mestres e el consideroume discípulo. Funo contar onte a Pobra de Trives a un congreso. Paseino moi ben e por riba, como se aquilo non fose dabondo, comín unha perdiz.

Así foi, e logo alguén tivo a feliz idea de tirar unha fotografía e velaí Casares a carón doutras persoas que moito estimo. Algunhas delas, como Casares, xa foron durmir fóra pero están sempre na memoria. Na fotografía, de dereita a esquerda:  Carlos L. Bernárdez, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Conchi Diéguez, Ramón Luís Acuña, Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares e Marcos Valcárcel.

 

O pase de diapositivas require JavaScript.