Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Laura das Neves e a sociedade literaria dos nove, de Palsi Ilmari Jääskeläinen

Palsi Ilmari Jääskeläinen

Laura das Neves e a sociedade literaria dos nove (tradución de Tuula Ahola e Tomás González Ahola)

Urco, Compostela, 330 páxinas, 19 €

 

Lin esta novela a instancias dunha persoa que ma recomendou e, francamente, agradezo o consello pois Laura das Neves regala horas de lectura fascinantes. O seu autor é unha das voces da narrativa nórdica de maior proxección e podémolo ler en galego mercé unha coidada tradución de Tuula Ahola e Tomás González Ahola, que verten o orixinal directamente do finés.

Laura das Neves é, así,  unha obra chea de prodixios e de ironía desde as primeiras páxinas onde a vida cotiá, o fantástico e os libros van converxendo para construír unha proposta argumental moi suxestiva. Nela, o extraordinario cobra natureza de normalidade e os perfís dos obxectos e das historias van desdebuxándose para transformarse en algo enigmático e misterioso que esixe de nós tan só curiosidade para seguir un fío discursivo cheo de conxecturas e enigmas. Non cabe dúbida que o universo creado polo autor resulta solvente e absolutamente impredicible, operativo para formular unha enxurrada de incógnitas entre as que destacan aquelas de filiación libresca e literaria que, imaxinativamente, se van desvelando.

A protagonista, Ella Amanda Milana, unha mestra substituta nunha pequena vila finlandesa e afeccionada á literatura, resulta escollida por unha célebre escritora de literatura infantil chamada Laura das Neves como décima integrante da chamada Sociedade Literaria de Lombodalebre, o que lle abrirá as portas a unha nova vida. É desde ese momento cando a novela se converte noutra cousa pois fai confluír con naturalidade elementos de realismo máxico cos de certa pátina costumista, ecos da oralidade e da mitoloxía entrelazados cos fíos dunha novela negra onde os segredos máis íntimos dos diversos membros da sociedade agroman, por veces anoados á crueldade, para formularse a espiñenta cuestión de onde vén a inspiración, de onde se tira aquilo que alimenta os libros, aquilo que alimenta tamén a vida de cada unha daquelas persoas. En definitiva, un libro sobre a forza da palabra creativa e tamén sobre o feito de que «todos nos vestimos de historias». Quen dubida que así é.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 17 de marzo de 2017,
Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: