Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

últimos bruídos, de Marga Tojo

Marga Tojo

últimos bruídos

Positivas, Compostela, 48 páxinas, 7 €

 

Hai libros destinados a pasar desapercibidos, estou certo que moitos inmerecidamente. Gustaríame que este primeiro libro de poesía de Marga Tojo non fose un libro máis, ignorado ou amontoado nun recanto e axiña esquecido. Non o merece. Deslumbra e desacouga a palabra de Marga Tojo, desasoga e inqueda porque a palabra nace da necesidade de explorar, de remexer nos rescaldos da fogueira do día a día, malia o ton distópico que arroupa o libro. Suxírese, precisamente, unha ollada limpa e crítica cara ao presente desde a anterior instancia -talvez porque a distopía xa alenta entre nós- e tamén desde o amor: ambos os dous motivos -distopía e amor- son os esteos que suxeitan un libro no que resulta imposible avanzar sen deterse para coller aire e logo reflexionar. Sen dúbida tras a reflexión paira conscientemente unha invitación explícita a actuar, a non deixar seguir as cousas como son.

últimos bruídos, acompañado con palabras luminosas de Fran P. Lorenzo, é unha aposta persoal, cunha indubidable proxección colectiva, a prol do pensamento crítico. Nel inquírese polas dimensións auténticas desta realidade que vivimos, procédese a diseccionala combativamente a través de diversas historias de inequívoco alento narrativo e palmaria rotundidade: historias protagonizadas por parellas en espazos conflitivos onde salienta, sempre, a voz da muller, das mulleres, que reclaman e berran, que esixen outra ollada -compartida- que sexa por fin distinta. Un libro que procura un impacto e, teño para min, que o consegue. Versos como espadas. Só queda darlle os parabéns á autora.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: