Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Freixanes

Sempre que vexo a Víctor F. Freixanes reconfiguro un tempo concreto, o da adolescencia, co fondo musical e informativo daquel soño que foi Radio Popular de Vigo. Non sei se o que desde onte é presidente da RAG será consciente do labor, silandeiro pero eficiente, que un equipo de persoas, entre as que el se integraba, levou a cabo para a galeguización dun entorno, xa non só radiofónico, co que moitas persoas conectabamos naquela altura. Ese termo, o da conexión, se se quere o da complicidade, foi o que me conduciu a conseguir, aforrando peso a peso aquel Unha ducia de galegos no que felizmente repousaba parte dun patrimonio literario e cultural que se desvelaba con brillantez; pouco despois aínda viría a memoria daquel fuxido, Manuel González, cando non gozaramos da oportunidade de que ninguén nos falara daqueles fuxidos, nin tampouco da nosa historia. Logo sucedéronse outras lecturas, outras vivencias que non é lugar de relatar pero en todas elas Freixanes deseñaba a importancia de contaxiar as precisas doses de entusiasmo, tamén de optimismo, que tanta falta nos fai en todos os campos.

Por todo iso deixo aquí constancia dos meus parabéns á persoa, e tamén ao escritor, ensaísta, columnista e editor por coller o temón desta vella institución; parabéns que fago extensivos ao equipo que o acompañará nesta nova traxectoria con tantos retos por diante.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 29 Marzo 2017 por en Opinión , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: