Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Eugenia Osterberger, por Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo

Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo

Eugenia Osterberger. A compositora galega da Bella Époque (1852-1932)

Ouvirmos, 2017, 122 páxinas, libro + cd, 19 €

 

 

Na escena musical galega do século XIX pairaba unha figura da que case nada se sabía: só as persoas máis avezadas coñecían que fora correspondente da Real Academia Galega ou que cultivara a amizade con Emilia Pardo Bazán e Sofía Casanova. Malia levaren algún tempo expoñendo os avances dun traballo desenvolvido desde hai anos é agora cando un grupo de musicólogas e investigadoras rescatan, de vez, a obra e mais o perfil biográfico de Eugenia Osterberger: sepultada no esquezo e no ostracismo, en boa parte polos prexuízos derivados da súa condición de muller nun tempo no que a súa actividade creativa só se exhibía en círculos moi limitados.

Se Osterberger constituíu unha figura que pasou ignorada pola historia musical galega do XIX e o XX era ben que non correse a mesma sorte este libro pois non é difícil valoralo como un dos máis destacados do seu xénero. López-Suevos, De Lorenzo e Martínez articulan un rigoroso achegamento que repara tanto no percorrido vital de Osterberger, rescatado dos fondos de hemerotecas, como na súa valiosa produción a través dun cedé que acompaña a publicación.

    Natural de Santiago, filla de pai alsaciano e nai coruñesa, de Eugenia Osterberger Luard destácanse os seus anos de formación en Francia, para logo reparar na súa estadía compostelá ata que, tras o seu casamento co director da fábrica de gas desta cidade, Saunier, iniciou unha nova etapa na Coruña. Así foi converténdose nunha pianista e compositora recoñecida a través da súa participación en diversos actos culturais e musicais ata o ano 1900, cando marcha coa súa familia a Niza, onde faleceu en 1932.

     Cartas persoais nas que zumega a súa paixón pola música, referencias ao entorno rexionalista que abrazou ou unha análise cumprida da súa achega ao entorno compositivo -pezas de piano e cancións e galegas para voz e piano- son só algunhas das novidades que incorpora este libro que non dubido en recomendar pois, alén de afortalar o noso patrimonio musical, resitúa con fortuna unha figura no mapa da cultura galega do XIX do que estaba ausente.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, o 31 de marzo de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: