Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Carlos Casares. Un contador de historias, por Henrique Monteagudo

Henrique Monteagudo

Carlos Casares. Un contador de historias

Galaxia, Vigo, 2017, 180 páxinas, 10 €

 

Resulta, quen o dubida, un verdadeiro reto enfrontarse á redacción e composición da biografía dun persoeiro tan poliédrico e central na cultura galega dos séculos XX e XXI como foi Carlos Casares. Se cadra, aínda máis, cando a voz responsable do traballo non oculta a amizade que cultivou co biografado, status que beneficia a configuración do ensaio ao manexar datos e experiencias compartidas de primeira man. Con todo, esta situación de privilexio tamén se podería volver en contra se a información e as valoracións de corte máis subxectivo non se filtran ou tratan con delicadeza e precaución. Ao meu ver, Monteagudo supera os obstáculos previsibles con axilidade e sabe ofrecer, desde as instancias do equilibrio, a ponderación e a equidistancia, unha visión persoal, documentada e manifestamente divulgativa que desvela as claves biográficas e literarias do autor de Vento ferido, sendo fiel a un criterio como é o da fluidez narrativa, apuntando sempre ao verdadeiramente substancial.

        Compartimentada en catro bloques, moi atentos ao condicionante que supón o contexto social e histórico, e disposta baixo as rúbricas de anos de infancia e mocidade, a revelación do escritor, os tempos de crecemento e a época de plenitude, alén dun gorentoso apéndice onde se recollen opinións de Casares sobre a literatura e a súa propia obra, xuízos escolmados de voces críticas e algúns fragmentos sobre o que para el significaba o idioma galego, quen se asome a estas páxinas poderá obter unha idea cabal dos socalcos vitais de Casares. Idea afincada tanto nas dimensións máis particulares e íntimas como naqueloutras de carácter público que esculcan no seu perfil de editor e activista cultural, que analizan a súa participación en institucións políticas e culturais e, sobre todo, que revelan a importancia que gozou como escritor con reflexións especialmente acaídas no que se refire á interpretación das súas achegas nos eidos do ensaio, a narrativa e o columnismo.

   Un libro, en fin, completo, documentado e imprescindible para manexarnos, con solvencia e garantías, neste ano Casares.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de abril de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: