Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez

Salvador Rodríguez

Historias de galegos extraordinarios

Belagua, Vigo, 128 páxinas, 15 €

 

Leo con devoción e interese estas páxinas tituladas Historias de galegos extraordinarios de Salvador Rodríguez que rescatan biografías verdadeiramente únicas e senlleiras, isto é, vidas que se afastan, por diversos motivos, da mediocridade e do grisallo da vida cotiá que, ademais, atesouran o elo de unión no feito de seren galegas e galegos de nación quen as protagonizan.

Sintetizar en poucas liñas o máis salientable das persoas que aquí se recollen por xunto non é, sospeito, tarefa doada e resulta, sen dúbida, un mérito do seu autor. Salvador Rodríguez faino con excelencia e sabe outorgarlle aos fragmentos narrativos o estilo acaído -fluído, incisivo e sintético- que nace dos ámbitos da esculca e a documentación para que, por uns minutos, poidamos gorentar as claves dunhas vidas que foron todo menos comúns asistindo, por veces, á xénese e desenvolvemento de verdadeiros relatos que, pola súa propia natureza, raian no xénero novelesco malia sabermos que neles non hai ficción de clase ningunha.

Velaí, así pois, vidas singulares como as do fotógrafo galego de Carlos Gardel; a dun emigrante de Láncara -Francisco Fouce- que financiou as primeiras películas de Laurel e Hardy; a do militar compostelán Argimiro García Granado que foi médico destinado en Vietnam; o percorrido vital ata a desaparición misteriosa do profesor, igualmente compostelán, José Robles; a sorte desgraciada que correu o líder obreiro Eduardo Puente, que tratou o escritor Suso de Toro; a vida de  Demetrio Bilbatúa ou a de Urbano Feijoo e as súas andanzas indignas en Cuba; mesmo a máis coñecida do mago Waldemar, biografado en O misterioso doutor Sáa por Xosé Díaz e Belén Fernández; a do cineasta Juan Orol  ou a dos galegos en Mauthausen, o misterio que supón outro continxente de galegos desembarcados en Hawai e as vivencias daqueloutros fuxidos da prisión franquista do Fuerte San Cristóbal, no monte Ezkaba, preto de Pamplona; sen esquecer vivencias rescatadas dalgúns galegos recluídos no campo de concentración de San Simón ou mesmo a historia da proclamación da República Galega, en xuño de 1931, que nomeou a Alonso Ríos como presidente.

Tamén se desvelan casos insólitos  como a da menina de Velázquez, que era orixinaria de Canedo (Ponteareas); a peripecia de Juana Maseda, guerrilleira da revolución castrista que novelou Xavier Alcalá e a afouteza e singularidade de Isabel Barreto, tratada novelescamente polo escritor ferrolán Henrique Dacosta en Mar para todo o sempre hai xa algúns anos.

Unha achega, en fin, singular e suxestiva que atrapa un feixe de vidas merecentes de ser coñecidas e que rescata e divulga, desde o fondo da memoria, presenzas esvaecidas polo paso do tempo. Os meus parabéns.

 

 

 

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 27 Abril 2017 por en Ensaio,Literatura galega , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: