Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Camuflaxe, de Lupe Gómez

Lupe Gómez

Camuflaxe

Chan da Pólvora, Compostela, 144 páxinas, 17 €

 

 

Camuflaxe é unha estratexia biolóxica que posibilita pasar desapercibido. Aplicada á literatura, e neste libro de poemas de Lupe Gómez, articúlase como unha dinámica na que prima esa vontade mimética, convertida en algo tanxible a través da identificación nun entorno común. A autora, así, recrea motivos xa presentes na súa obra literaria coñecida até o de agora -véxase o vagoroso desaparecimento da cultura do rural galego ou aquilo que poderiamos denominar como o peso do telúrico: esa ricaz liña poética que representou Novoneyra- mais introduce outros novos referentes, mantendo sempre a rotundidade, o vigor e a emoción dos seus poemas, quer sexa a través de imaxes visionarias, quer a través de pequenos textos de filiación narrativa ou de sentenzas case inapelables e sempre sorprendentes.

     Editado requintadamente por Chan da Pólvora priorízase nestas páxinas a dicotomía conformada pola presenza-ausencia da figura da nai tras o seu falecemento. Esa dor -tamén aquela que expresa pola perda «dos idiomas marabillosos da nosa xente»- aparece filtrada unha e outra vez, esencializada, para que a nai xurda renovada e evocada cada poema, para que re-exista a través da palabra mercé un canto, por veces elexíaco e sempre estremecedor, que percorre un universo singular e común e bebe, como non podía ser doutro xeito, da memoria persoal. Xustamente desde ese mergullo honesto, limpo e brillante no pasado é como pasa a proxectarse e transcender colectivamente conseguindo así, ao meu ver, un dos seus grandes valores.

     Libro atento aos pequenos detalles e aos xestos, ao ronsel por veces pracenteiro dunha vida xuntas, vai aos poucos medrando nas mans e transfórmase nun canto de amor á nai, á terra e ao mundo todo, feito con poemas, claro é, que tamén se aproximan a exercicios parateatrais, ensaísticos e mesmo filosóficos que enchoupan aquí e acolá este libro, probable e felizmente irrepetible.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 28 de abril de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: