Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Convocatoria do 1º Premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey

 

 

Lueiro foi un autor que entendía o columnismo como unha necesidade comunicativa esencial destinada a intervir e a ollar a realidade desde outro prisma máis aló do canónico e do establecido onde a interpretación desta adquirise un valor central. Desde os primeiros textos publicados en El País pontevedrés, no ano 1935, dirixido polo paseado Roberto Blanco Torres, até o seu derradeiro artigo publicado dous días despois do seu falecemento no ano 1990 nas páxinas do Faro de Vigo, o universo do xornalismo supón nel un esteo fundamental para entender a totalidade da súa obra. Foron, neste sentido, moi abondosas as cabeceiras nas que el colaborou mais naquelas nas que podía escribir libremente e sen ataduras é onde se amosa, e brilla, ese estro comprometido e de inequívoca raizame social.

Por todo isto non podo menos que felicitar ao Concello de Fornelos de Montes pola convocatoria da primeira edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O galardón dispón dunha dotación económica(1000 euros) e contará coa publicación do artigo premiado nas seguintes cabeceiras: Diario de Pontevedra, Diario de Arousa, Sermos Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Que pasa na Costa, A nova Peneira e Tempos Novos.

As bases pódense consultar na web do Concello de Fornelos premendo aquí. Os meus parabéns por esta iniciativa ás institucións convocantes e a Carmen Carreiro polo seu esforzo e traballo para abrir novos horizontes á Causa Lueiro.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: