Unha visión persoal sobre a súa traxectoria literaria e unhas respostas a un inquérito inédito do ano 1969.
Para compor estas liñas e reecontrarme con Casares abro un exemplar da edición orixinal de Vento ferido -probablemente das primeiras que adquirín- e velaí que a primeira ilustración en branco e negro de Seoane, a que deseña con limpeza un rapaz espido anoado a unha árbore e que acompaña o relato “O xogo da guerra”, aparece coloreada dun laranxa-carne que humaniza o neno: sospeito que unha trasnada do meu fillo máis vello cando non lía pero sabía que os libros, ás veces, viñan ilustrados. A falcatrúa, que había ser moi do gusto de Casares, evidencia que este libro gozou de vida propia, que andou de aquí para aló durante anos, que se leu e releu e que, un día, caeu nas mans dun neno con ganas de pintar. Paréceme esta unha metáfora acaída para evidenciar que os libros de Casares están sempre aí; poden cambiar as persoas que os len pero eles non e, neste caso particular, por riba promoveu tentativas artísticas que un descubre anos despois. No meu caso, como de tantas outras persoas, a presenza literaria de Casares perpetúase ata hoxe, claro é, mais evoco especialmente un título como O sol do verán que asocio a unha presentación póstuma, multitudinaria e emocionante, nun ateigado cine Fraga de Vigo cun Manuel Rivas falando con rabia e pesar daquel sol que xa non volvería.
Sexa como for, Casares é unha fervenza creativa que percorreu os camiños do mundo da palabra como o que era, isto é, un escritor con maiúsculas. Do relato curto á novela; do ensaio aos estudos biográficos; da literatura infantil á tradución, do columnismo en prensa ao seu labor como conferenciante; do mundo da edición ao da planificación cultural…, dunha parte disto reflectido nos seus libros -agás a faceta como columnista- ocúpome nas ñiñas seguintes articulando unha escolma das súas obras que testemuña a voluminosidade, fluidez e orixinalidade dun discurso literario único. O criterio de priorizar a comunicación, sempre dentro das esixencias estéticas ás que sempre foi fiel, converteu a súa obra na dun clásico. Bo é recoñecelo, bo é recoñecerse nela.
Respostas a un inquérito inédito (1969)
Xesús Alonso Montero configura por volta de 1968 un proxecto que perseguía confeccionar un chamado Dicionario da nova literatura galega para o que acode, vía epistolar, a un bo número de voces a través dun cuestionario. Casares responde ao ano seguinte cando Cambio en tres estaba á espera de recibir o visto e prace da censura mentres preparaba oposicións na súa casa. Ás cuestións que suscitan máis interese, ao meu ver, son as que atinxen á dimensión sociolóxica e deste xeito sinala que os escritores máis influentes nel son Castelao, Martín-Santos, Vargas Llosa, Duras e Camus; considera urxente a reedición da obra de Castelao e Risco; apunta a Longa noite de pedra como o libro máis relevante en lingua galega desde os anos sesenta e móstrase devoto da obra de Jorge Amado, Torga, Namora, Alves Redol ou María Isabel Barreiro. Que quedou de todo isto na súa obra co paso dos anos? Talvez moito, mais iso queda para outra ocasión. Polo de agora revisemos, de novo, a súa obra.
NARRATIVA
GALAXIA, 1967
Supuxo a súa estrea na hoxe histórica colección Illa Nova. Relatos renovadores que se consideran un paso adiante na literatura do seu tempo: un monllo de historias marcadas pola intensidade, a contención narrativa e a emoción.
CAMBIO EN TRES
GALAXIA, 1969
Nesta novela, nas súas palabras “narración”, Casares opera cunha visión experimental ao asumir técnicas narrativas vangardistas, recreando ao mesmo tempo unha temática de evidente proxección social como é a emigración galega.
XOGUETES PARA UN TEMPO PROHIBIDO
GALAXIA, 1975
Tras o experimentalismo anterior velaquí unha viaxe á infancia, á adolescencia e á mocidade dun protagonista que se converte tanto na novela dunha xeración como nun canto contra a violencia e a intolerancia do franquismo.
EDICIÓNS DO CERNE, 1979
No ronsel de Borges, Italo Calvino e Cunqueiro, xunta aquí relatos que trazan con vigor unha confluencia fantástica entre Historia e ficción, sen perder de vista o elemento lúdico cunha indisimulada atracción polo anticonvencional.
ILUSTRÍSIMA
GALAXIA, 1980
A chegada do cinematógrafo a unha pequena vila galega e as tensións entre un bispo e os seus subordinados alimentan un argumento que aborda a dicotomía entre a liberdade e a intolerancia como pano de fondo fundamental.
GALAXIA, 1987
Unha ollada novidosa en canto á técnica, ao abrazar a linguaxe administrativa para construír unha ficción, que serve para introducirse na guerra civil e, de novo, falarnos das funestas consecuencias da violencia e do dogmatismo.
O GALO DE ANTIOQUÍA
CASTROMIL, 1994
Coma se fose un relato de Os escuros soños… este libro sitúanos en Xinzo de Limia e, a través dun pintoresco personaxe e unha situación case surrealista volve aparecer o asunto da intransixencia e o deber de loitar contra ela.
GALAXIA, 1996
Novela adxectivada de “ideas”, presenta unha arquitectura milimetricamente deseñada para abordar, cun pano de fondo que percorre boa parte da historia galega e europea do século XX, o asunto da responsabilidade dos intelectuais.
O SOL DO VERÁN
GALAXIA, 2002
Un exercicio narrativo, da man dun rexistro lingüístico moi coidado e de filiación poética, onde unha voz narradora apela á memoria para reconstruír os fíos dunha tráxica, intensa e, en parte irresoluble, historia de amor.
ENSAIOS E ESTUDOS BIOGRÁFICOS
CURROS ENRÍQUEZ
GALAXIA, 1980
Curros, e a súa obra, foron obxecto dunha especial atención crítica para Casares. Editou a súa poesía en varias ocasións e escribiu este perfil biográfico pois, ao seu xuízo, para entendelo cabalmente cumpría coñecer a súa vida e o seu tempo.
VICENTE RISCO
GALAXIA, 1981
O autor, que tratou a Risco nos últimos de vida deste, recoñece que esta biografía a escribiu desde o “cariño, a admiración intelectual e a amizade” coa pretensión de divulgar mais sobre todo de entender a polifacecia desta figura.
OTERO PEDRAYO
GALAXIA, 1981
Casares redactou a que foi a primeira biografía de Otero de certa entidade e fíxoo cun discurso transparente, manexando unha inxente documentación, exhibindo un forte pulso narrativo e sempre desde a admiración que sentiu por el.
GALAXIA, 1984
No ronsel daquel Unha ducia de galegos de Freixanes, Casares dialoga con Fole durante sete horas e o resultado daquel encontro deseña un perfil foleano “de corpo enteiro”, imprescindible para saber máis doutro clásico das nosas letras.
RAMÓN PIÑEIRO: UNHA VIDA POR GALICIA
FUNDACIÓN CAIXA GALICIA, 1991
O pensamento e mais o legado de Piñeiro ocuparon a Casares recorrentemente como testemuña esta proposta que se completaría cun número monográfico da revista Grial e cos títulos Ramón Piñeiro (1996) e Da miña acordanza (2002).
UN PAÍS DE PALABRAS
GALAXIA, 1998
Para min un dos libros máis extraordinarios de Casares pois nel se amosa con transparencia a súa presenza como escritor. Coma se fose unha fonte inesgotable fala, con amenidade e coa palabra xusta, da literatura, da vida propia e da allea.
HEMINGWAY EN GALICIA
GALAXIA, 1999
O escritor norteamericano exerceu sempre unha indiscutible fascinación en Casares de xeito que investigou sobre as cinco viaxes que o Hemingway fixo por Galicia, seguiu as súas pegadas e deunas a coñecer nun libro requintamente editado.
GALAXIA, 2001
Derradeira achega biográfica de Casares, neste caso dedicada á figura do padre Sarmiento. A súa lectura, documentada e sólida, humaniza esta figura esencial da ilustración galega e erixe un relato cativador do seus principais socalcos vitais.
GONZALO TORRENTE BALLESTER: O ESCRITOR, O AMIGO
XUNTA DE GALICIA, 2002
Pouco despois do falecemento de Casares publícase este libro que recolle unha conferencia que o autor ourensán pronunciara en París onde realiza unha aproximación en clave persoal a Torrente, a quen tratou durante moitos anos con moita intensidade.
Dúas facetas non menores que completan o perfil literario de Casares son aquelas que se ocupan de ámbitos nos que detectou que cumpría dar pasos adiante: o da tradución e o da literatura infantil. Velaquí parte deste labor e algunhas suxestións para saber máis do autor.
TRADUCIÓNS
GALAXIA, 1972
Este clásico de Saint-Exupéry foi, talvez, o libro polo que obtivo unha maior sona como tradutor. A rotundidade expresiva do francés, a sinxeleza na expresión e a compartida querenza polas viaxes irmandaron, para sempre, aos dous autores.
EU SON UN PEIXE
ALTEA, 1979
Nun proxecto colectivo que quería ofrecer libros en galego para a infancia traduce Eu son un peixe, Eu son un neno e Eu son un paxaro, de José L. García Sánchez e Miguel Ángel Pacheco. Unha colección de dez volumes baixo o título de “Os primeiros libros dos nenos”.
BESTIARIO FANTÁSTICO
ARGOS VERGARA, 1983
Nun proxecto promovido pola editorial catalá Casares traduciu este libro de José Manuel Gisbert, xunto con outro títulos de obras contemporáneas de Ricardo Alcántara, Mercé Company, Esther Jaume, Mercé Canela, Ricard Creus e Helena Trías.
OS ESCARAVELLOS VOAN Á TARDIÑA
SM, 1989
María Gripe non se traducira ao galego ata que Casares decidiu acometer a súa tradución. Este tradución, baseada orixinalmente nunha peza de radioteatro da autora sueca, converteuse nunha lectura recorrente nos centros de ensino nos noventa e aínda hoxe.
O VELLO E O MAR
GALAXIA, 1999
A devoción por Hemingway levouno a traducir, esplendidamente por certo, unha das obras máis célebres do escritor norteamericano sustentada na forza expresiva e sinxeleza que tanto caracterizan a propia obra casariana.
ESPASA XUVENIL, 1999
Derradeira tradución de Casares que aborda con experiencia un texto dun seus autores máis queridos como foi Gonzalo Torrente Ballester que, ademais, constituíu igualmente a derradeira obra publicada do escritor ferrolán.
O autor ourensán desenvolveu un labor pioneiro e conscientemente comprometido no ámbito da literatura infantil galega á que dotou de verdadeiros clásicos. Velaquí unha breve mostra do seu traballo.
LITERATURA INFANTIL
GALAXIA, 1968.
Casares percibiu, sendo moi novo, a necesidade perentoria de dar a coñecer textos acaídos e de calidade para que a lectura nos primeiros anos de vida fose tamén en galego e construíu así unha historia innovadora e inesquecible por imaxinativa e tenra.
AS LARANXAS MÁIS LARANXAS DE TODAS AS LARANXAS
GALAXIA, 1973.
Única peza teatral de Casares na que as doses fantásticas do autor rebordan as páxinas do libro como se evidencia nas situacións sorprendentes e absurdas ás que apela e que converten este texto nun marabilloso e anticonvencional relato do imposible.
O CAN RIN E O LOBO CRISPÍN
GALAXIA, 1983
Nese ronsel de recrear literariamente o fantástico Casares idea a figura dun can afouto que lle fai fronte a un lobo para expor de novo a historia de David contra Goliat exhibindo un espléndido dominio da literatura de filiación oral.
GALAXIA, 1991
Primeira entrega dunha serie, que chegaría a completarse con outras catro historias, protagonizada sempre por Toribio: un enxeñoso neno de oito anos. Libros gobernados polo humor onde se encerra a querenza do seu autor pola tecnoloxía.
GALAXIA, 1996
Na liña imaxinativa dos seus anteriores títulos é de novo un neno quen protagoniza unha historia marcada polo desexo de superación persoal e mais unha aposta por contaxiar optimismo, especialmente nesas pequenas cousas que nos ofrece a vida cotiá.
UN POLBO XIGANTE
GALAXIA, 1998
Orientado a un público máis avezado, Casares adopta un rexistro lingüístico con vontade de permanencia e recrea a dicotomía entre realidade e imaxinación a través dunha historia na que é o propio mar quen cobra o verdadeiro protagonismo.
PARA SABER MÁIS
A SEMENTE AQUECIDA DA PALABRA
CONSELLO DA CULTURA GALEGA, 2003
Unha das primeiras achegas de carácter xeral que abordaban a figura e mais a obra de Casares ao pouco do seu falecemento da man de diversas voces do mundo da crítica literaria e do universo académico e intelectual galego.
CARLOS CASARES. OS AMIGOS, AS IMAXES, AS PALABRAS
A Nosa Terra/Fundación Carlos Casares, 2004
Homenaxe, igualmente próxima aínda á súa desaparición física, que articulou un mosaico de textos breves de moi diversa autoría unidos co obxectivo de homenaxear a súa figura e analizar o seu legado literario desde distintas perspectivas.
ACTAS DO SIMPOSIO CARLOS CASARES
Fundación Carlos Casares, 2009
Coa perspectiva que ofrece o paso dos anos as profesoras Camiño Noia, Olivia Rodríguez e Dolores Vilavedra responsabilizáronse deste volume que resulta indispensable para manexarse con seguridade polo universo Casares.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Letras Galegas, de La Voz de Galicia, o 15 de maio de 2017. Contén algunhas modificacións e engadidos respecto do orixinal publicado.