Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

II Gala do Libro Galego

Foto: Alba Sotelo

Magnífica a II Gala do Libro Galego que se celebrou onte no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A música de De Vacas e a condución de Iria Pinheiro fixeron que o serán se tinxise de música e humor. Un serán onde non faltou tampouco un marcado espírito reivindicativo. Os meus parabéns máis sinceros ás persoas, empresas e colectivos que acadaron os premios. Deixo abaixo a nota de prensa emitida pola organización.

(Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017) Vén de rematar a II Gala do Libro Galego, que tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego 2017.

A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:

Ensaio

  • Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María. De Mercedes Queixas. Editorial Galaxia

O xurado estima  que é unha obra moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías

Tradución

  • Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución de Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora

 O xurado valora nesta tradución a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego

 Proxecto literario na rede

  • A Sega. Plataforma de Crítica Literaria

 Valórase a aúna esforzos de crítica literaria e divulgación. Capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma.

 Literatura infantil e xuvenil

  • Jules Verne e a vida das mulleres planta. De Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia

Estimouse o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual.

Iniciativa bibliográfica

  • Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas

O xurado valora a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal. Trátase dunha obra que pon en valor un xénero que non soe ser a primeira escolla polo que se inclina o lectorado. Trátase dos poucos traballos de didáctica probada en galego

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

  • Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz)

 Valórase  que é unha iniciativa con moito esforzo e reducido orzamento. Aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría

Libro ilustrado

  • Canta connosco. De Óscar Villán. Kalandraka Editora

Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño.

Teatro

  • Moito Morro Corporation. Sociedade Limitada. De Carlos Labraña. Editorial Galaxia

Sobrancéase o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de actualidade. É un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil. Destacan o labor do autor como escritor teatral

Xornalismo Cultural

  • Zig-zag Diario

 Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública. É un proxecto que valora a cultura e, concretamente, visibiliza o sector do libro

Narrativa

  • Todo canto fomos. De Xosé Monteagudo. Editorial Galaxia

Pola súa calidade, moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época. É unha grande novela con pouco recoñecemento.

Poesía

  • O cuarto das abellas. De Antía Otero. Edicións Xerais de Galicia

Destácase a creación que crea un mundo propio a través de imaxes. Trátase dun diálogo coa literatura que conmove ao lectorado

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras premiou e recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón á Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo De Vacas.

A Gala do Libro Galego 2017 foi apoiada polo Concello de Santiago, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, e pola Deputación da Coruña.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 21 Maio 2017 por en Divulgación,libros,Literatura galega .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: