Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Non des a esquecemento, de Luís Bará

Luís Bará

Non des a esquecemento

Instituto de Estudos Miñoráns, Gondomar, 247 páxinas, 15 €

 

Ao ámbito da denominada memoria oral, que conta con voces salientables como as de Montse Fajardo, Bernardo Máiz ou Carlos G. Reigosa, súmase agora este libro de Luís Bará que vai alén do dato puramente histórico para establecer un discurso máis próximo e humano sobre as diversas formas de represión que sobreviñeron tras o ano trinta e seis. O ensaio –empoleirado desde a súa aparición como un dos de maior aceptación entre nós- é froito dunha compilación de diversos artigos que foron vendo a luz do blog homónimo que conduce o autor desde 2014 ata setembro de 2016.

A relevancia deste libro, ao meu ver, é ponderable pola inequívoca función social que encerra ao revelar, e proxectar para o presente, aquilo que ocorreu con moitas persoas que atesouraron valores democráticos polos que en ocasións foron detidas, aniquiladas ou perseguidas en tempos de ferro. Bará, así pois, dirixe a ollada á procura da verdade, a xustiza e a reparación, isto é, propón furar o muro da amnesia e faino desde a confluencia do dato histórico coa fonte oral, con testemuños recollidos en territorios do Salnés, O Morrazo, Vilaboa, Pontevedra ou Vigo. Deste xeito, ao lenzo en branco incorpóranse, de vagar, referencias da represión exercida no Concello de Vilaboa, reflíctese a dureza das vidas que levaron as mulleres represaliadas, abórdanse un feixe de historias de cando a illa de San Simón foi un penal, recoñécese a heroicidade das familias que acolleron fuxidos e, na derradeira sección titulada “Era a historia da noite”, analízase a vaga de medo que asolaga en pouco tempo Vigo e o Morrazo, alén de incluír unha antoloxía textual sobre cuestións que teñen que ver coas consecuencias da represión.

Un monllo de historias, pois, reais e tanxibles, que apelan á dimensión do emocional e que se manexan desde unha instancia autorial que emprega con inequívoca habilidade recursos narrativos e xornalísticos. Por todo isto é este un libro importante que vai máis alá dunha suma de historias pois camiña na procura da luz que alumee esoutra historia aínda por coñecer.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 27 de maio de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: