Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Os Xerais 2017

“Mi gran noche”. Os siareiros do Celta saben ben ao que me refiro con esta canción de Raphael. Esa canción que soa nas ocasións especiais e que se converte noutro himno oficioso do noso equipo. Non sei se María Canosa, Santiago Lopo ou Manuel Lourenzo pensaban nisto desde o momento en que foron declarados finalistas das distintas categorías dos premios Xerais, pero estou seguro que, coas dúbidas e incertezas, probablemente María Canosa pensaba que si, que podería ser, por fin. Xunto coa memoria de Agustín Fernández Paz, que pairou desde o primeiro momento ata o derradeiro nos discursos da noite e aínda máis tras levarnos á casa un anaquiño da súa produción con ese libro marabilloso, tal e como nos explicou a miña prezada Isabel Soto,  sobre o fomento da lectura que Xerais nos agasallou e que é xa de lectura obrigada (Un mundo de palabras), creo que María Canosa, tras a concesión do premio Merlín polo seu libro Muriel, foi unha das protagonistas da noite, foi a súa gran noite. Tras vinte e cinco anos de actividade literaria e logo de catro ano consecutivos como finalista do galardón nesta ocasión resultou gañadora e, particularmente, alégrome moito desta decisión do xurado. O seu discurso emocionado e emocionante, estivo cheo de gratitude mais tamén reivindicou o papel que debe de cumprir a literatura infantil galega e mais a importancia da nosa cultura e da nosa lingua.

Santiago Lopo, a quen coñecín tras moitos anos de saber del a través da súa creación literaria, engadiu un importante galardón máis á súa brillante traxectoria e reivindicou, tras acadar o premio Xerais de Novela, a relevancia dese tesouro, tantas veces oculto, que é o noso mundo medieval e a literatura galego-portuguesa desta época. Unha novela que comeza en latín, que se escribe en galego e conclúe en occitano ha ser unha oportunidade extraordinaria para volver dirixir a ollada a este universo a través coa súa A arte de trobar: unha novela seguro que suxestiva.

         Manuel Lourenzo, pola súa parte, con Ceiba de Luz, conseguiu o Jules Verne. Coido que, con este galardón, se converte no primeiro autor que consegue os tres galardóns de Xerais: esa tripla coroa que evidencia a calidade e o éxito das súas propostas. Os meus parabéns.

Non quero esquecer nin o acompañamento musical que nos brindou a estupenda A Banda dos Cueiros, o labor do xurado -sempre complexo- nin tampouco a intervención, como mantedor literario, do científico e profesor Xurxo Mariño, que apostou pola aliaxe entre as ciencias experimentais e as humanidades pronunciando un discurso brillante e, dalgún xeito, novidoso e necesario para o contexto destes premios que seguen a converterse nunha cita literaria ineludible e chea de afectos. Grazas, coma sempre, a Manuel Bragado e Celia Torres por facela posible.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: