Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Rufus. O morcego que adoraba as cores, de Tomi Ungerer

Tomi Ungerer

Rufus. O morcego que adoraba as cores (tradución de Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez)

Kalandraka, Pontevedra, 15 €, 40 páxinas, 2017.

 

Con este título son xa cinco as propostas da autoría de Tomi Ungerer que atesoura o catálogo de Kalandraka. A aparente sinxeleza que se advirte tanto no emprego dos recursos pictóricos como do propio fío narrativo é o que se cadra destaca neste libro titulado Rufus, publicado orixinalmente en 1961.

Nos devanditos aspectos  o autor  fai descansar, precisamente, os elementos máis atractivos. En primeiro lugar, talvez, nesa dicotomía  ou contraste entre as cores brillantes e fortes que nos asolagan con ímpeto e a ausencia de cor que traslada a un espazo tenebroso e escuro; en segundo lugar, nesa lectura simbólica, ou metafórica, que Ungerer semella suxerir. Esta última cífrase no desexo irrefreable que Rufus deposita en levar unha vida diferente, algo que, teimosamente, chega a conseguir malia impedimentos tanto de carácter físico como social. Velaí como pasa a primeiro plano a denuncia dos prexuízos existentes diante do diferente, isto é, dese morcego que devece por percorrer camiños que non sexan os canónicos ou pre-establecidos. É aí mesmo, por fin, onde se cultiva a violencia dunha sociedade que non permite que nada sexa diferente do que é mais, ao tempo, tamén acolle a esperanza encarnada na figura dun curioso doutor que, dun xeito un tanto casual, devolve a Rufus ao seu mundo cotián.  Un Rufus que xa non é o mesmo pois nel medrou unha nova e sólida amizade que lle fai ver o mundo doutro xeito.

Un libro especialmente marcado, ao meu ver, por esa aposta que esta voz clásica como é Ungerer fai por desenvolver a potencia imaxinativa de quen le, sexa este quen for. Unha sorte lelo na nosa lingua.

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: