Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A elegancia do século, de Pura Tejelo

Pura Tejelo

A elegancia do século

Xerais, Vigo, 72 páxinas, 12,50, 2017.

 

A elegancia do século, da escritora coruñesa Pura Tejelo, acadou o Premio Johan Carballeira de poesía. Chego a el pouco tempo despois da súa publicación e, particularmente, alégrome que non quedase nese caixón de libros aos que un non dá chegado pois nel latexa, a partes iguais, unha extraordinaria elegancia na dicción como xustamente consta no título, e tamén emoción, algo que nunca se debe perder na poesía. Se a estes elementos lle engadimos o da madureza compositiva, que procede posiblemente dunha gran lectora, é posible que teñamos así unha idea global do que significa este libro. Tejelo opta así por un discurso esteticamente moi coidadoso e rotundo, esencialista cando é preciso e sempre coa palabra xusta onde se repara con contudencia nos camiños desas dimensións que suxire unha contorna urbana.

A voz lírica estende ou proxecta unha ollada sempre disposta á disección do que a rodea e á incorporación do que se ve ou sente como materia poética: velaí as persoas que van e veñen, as fendas dunha sociedade ás veces irracional, os acenos, o amor e o desamor, a incomunicación e o incomprensible ou o enigmático e o descoñecido que tamén está ao asexo. A ollada, así pois, repara con especial relevancia no valor que atesouran os obxectos que van máis alá do material ou tanxible como son os libros, e a práctica da lectura, ou as flores, sempre as flores, que van desde as misteriosas da contrapena ata as papoulas vermellas, as dalias de setembro ou as flores do tileiro.

Esa perspectiva global e solidaria é a que posibilita, asemade, a construción dun libro compacto e sólido, que recorre ás veces ao experimentalismo ou ao lúdico e que a autora entretece con acerto, axudándose en ocasións dos recursos á ironía ou á tenrura. É a palabra, paréceme, a que centra a forza deste libro construído talvez moi paseniño para chegar a ser un espello que devolve unha ollada limpa e serena ao mellor da poesía “humanista” se se pode empregar –aínda- o termo. Coa palabra, xustamente, erixe un canto sobre a propia vida que saúdo con satisfacción.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o  9 de xuño de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: