Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

Eu diría a facilidade para adaptarme a persoas, lugares e situacións do máis diverso. Calquera podería chamar a iso falta de carácter, non?

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

A posesión de habilidades e coñecementos que eu non teño.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Que me acepten como son; eu ofrezo o mesmo. E que estean no sitio onde as deixei a última vez que as vin.

4.– A súa principal eiva?

– Que me interesan demasiadas cousas na vida, todas á vez. Aínda que non sei se é una eiva.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Facer cousas coas mans, sobre todo nos eidos das artes útiles: carpintaría, albanelaría, xardinaría, cociña, metais, debuxo, barro… Tamén nos teclados dos aparellos de escribir.

6.–  O seu ideal de felicidade?

Un momento feliz pode ser, por exemplo, acabar de escribir unha novela ou de facer un muro de cachotaría, que che guste como quedou, e abrir una cervexa para celebralo. Fóra diso, non creo na posibilidade dunha felicidade permanente.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Unha enfermidade, algo que deteriore o estado físico antes de tempo. Nun mesmo ou en alguén próximo.

8.– Que lle gustaría ser?

– Tantas cousas… Un deus mitolóxico, se non é moito pedir… Se é moito pedir, entón trapecista de circo. Ou deseñador de árbores. Pero entón xa non sería eu.

9.– En que país desexaría vivir?

Neste País das Marabillas no que estamos. Se ten que ser outro, afaríame a calquera. Cuba, sen ir máis lonxe.

10.– A súa cor favorita?

– O azul, non sei por que.

11.– A flor que máis lle gusta?

– Diría que a rosa, aínda que cada flor é un mundo.

12.– O paxaro que prefire?

– Hoxe, o quetzal.

13.– A súa devoción na prosa?

– Álvaro Cunqueiro. Indo fóra das nosas letras, Borges.

14.– E na poesía?

– Rosalía, sen dúbida, seguida dunha lista variada: Manuel Antonio, Lorca, Huidobro…

15.– Un libro?

– Un só?… Cien años de soledad.

16.– Un heroe de ficción?

– Todos os heroes son de ficción, ou non?… Sempre me atraeu o personaxe de Ulises. Máis actual, Corto Maltés.

17.– Unha heroína?

– Penélope, madia leva. Doutra parte, Pepa a Loba.

18.– A súa música favorita?

– Por devoción, a tradicional popular galega mais todo iso que se chamou “do mundo celta”. Por formación, o rock de antes dos 80.

19.– Na pintura?

– O surrealismo en xeral.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– Toda persoa capaz de erguerse ás tantas da mañá e acudir a un traballo esgotador por un salario mísero, todo por sacar unha familia adiante.

21.– O seu nome favorito?

– Alva. E Manuel.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– A teima por impoñer as ideas propias aos demais. Consecuentemente, a incapacidade de discutir con lóxica, sen prexuízos, sabendo escoitar e con disposición a aceptar ideas alleas.

23.– O que máis odia?

– Nos individuos, o abuso, tanto físico como psicolóxico. Na sociedade, que o poder o teñan case sempre os malos.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Tendo un Franco a man, para que buscar máis.

25.– Un feito militar que admire?

– Non me vexo admirando ningún feito militar. Poida que algo puramente defensivo, como puido ser o que se conta do Medulio. Pero a saber que pasou realmente.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– Mmm, cando se me apareza o xenio dos tres desexos penso pedirlle, por esta orde, a invisibilidade, poder viaxar a outras épocas e unha glándula de cuspe paralizador. Non sei se se poden considerar dons naturais.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– Sen sabelo.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Variábel, como as nubes de evolución.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– A capacidade de crer calquera cousa. A capacidade de dálo todo sen esperar nada. A capacidade de perdoar.

30.– Un lema na súa vida?

– “Non fagas caso dos lemas, todos son enganosos”. Incluído este.

 

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 12 Xuño 2017 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: