Foi un pracer asistir e participar nesa verdadeira marabilla que se desenvolveu baixo o epígrafe de X Xornada dos Clubs de Lectura e agradezo vivamente o convite que se me cursou desde a organización para moderar unha mesa de debate con Ledicia Costas, Pedro Feijoo e mais Antón Riveiro Coello: tres voces relevantes de seu, mais tamén como responsables de libros que circulan con moita profusión e éxito no seo dos Clubs de lectura dos centros de secundaria en Galicia.
Teño para min que foi, o deste pasado sábado, realmente un diálogo enriquecedor no se falou sobre a valoración dos clubs de lectura e desa máxica relación que se establece cos destinatarios dos libros. Asemade, ofrecéronse diversas opinións sobre esa faísca que desata a creación ou verbo da planificación dos proxectos literarios, sen esquecer asuntos como a existencia, ou non, da autocensura no momento da creación. Non faltaron tampouco suxestivas preguntas enviadas polas persoas que integran os clubs de lectura de toda Galicia.
Permítome deixar aquí as palabras introdutorias na presentación deste acto.
Velaquí unha brevísima presentación das persoas que me acompañan:
Ledicia Costas: sen dúbida, unha das voces máis solidamente instaladas, e non só, no ámbito da literatura infantil e xuvenil. O feito, non casual, de recibir o premio nacional de literatura infantil con Escarlatina, a pequena defunta, catapultou á autora –como ocorreu con Xabier Docampo, con Agustín Fernández Paz, con Fina Casalderrey ou Paco Martín- nesa dimensión que testemuña o relevante papel que a literatura infantil e xuvenil galega desempeña, entre nós e fóra de nós. Títulos como Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter, Recinto Gris, Escarlatina, a cociñeira defunta, Esmeraldina, a pequena defunta, As peripecias de Estravaganza Pérez, e A vida secreta das mulleres planta, confirman os seus pasos firmes neste ámbito, xunto con esa proposta publicada baixo o título de Un animal chamado néboa, que abriu as portas a unha narradora para un público adulto no que, estou certo, aínda ha de darnos moitas alegrías. Grazas, Ledicia.
Pedro Feijoo: que dicir de Pedro neste día no que vive coa emoción da súa última novela Os fillos do lume? Pedro asomouse á literatura galega como filólogo que é cun traballo sobre as Cousas de Castelao no diario Galicia de Valentín Paz Andrade, e logo, cando eu particulamente souben del, desde a súa experiencia no ámbito da música como membro de Los Feliz e Lamatumbá co ensaio Viva o Fu Remol! Mais o Pedro que nos acompaña desenvolve unha carreira metórica como narrador de ficción desde o 2012, onte á noite practicamente, con Os fillos do mar, a estes sumáronse A memoria da choiva e Morena, perigosa e románica que, alén deste último título ao que antes me referín, fixeron del unha voz de referencia no panorama da literatura galega de hoxe. Teño para min que é unha fortuna que Pedro escollese a opción de protagonizar ese camiño que fideliza un enorme continxente de lectoras e lectores a través de historias ben ensambladas, extraordinariamente documentadas e, por riba, escritas con axilidade e efectividade. Saír do círculo de lectores militantes, entreter e enriquecer ao lector, dito nas súas propias palabras, vén sendo un dos seus obxectivos. Grazas, Pedro.
Antón Riveiro, vello amigo con quen comparto por cronoloxía vital moitas confluencias, é unhas das voces máis fructíferas e vizosas da narrativa galega dos últimos anos. Dono dunha traxectoria solvente que botou a andar aló polo 1994 con Valquiria para conformar unha espiral chea de historias e de palabras que chega ata nós con A ferida do vento, sen dúbida un dos libros máis salientables entre os publicados o ano pasado: unha historia en parte autobiográfica, chea de amor á palabra e chea de vida e emoción. Entre aquel primeiro e este último van, alén de relatos curtos e obra colectiva, catorce ou quince libros, entre os que me ides permitir aínda que sexa só nomealos, pois lembro as súas lecturas como esas que deixan un pouso imborrable: As rulas de Bakunin, Casas baratas, Os ollos de K, Laura no deserto ou Os elefantes de Sokúrov. Antón ten, ademais, un trazo distintivo como é o de abordar temáticas e asuntos diferentes, sempre con exquisitez, axilidade e innegable altura literaria. Grazas, Antón.
1 Comment
Os comentarios están pechados.