Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Terra, de Xurxo Mariño

Xurxo Mariño

Terra

Xerais, Vigo, 2017, 296 páxinas, 18 €

 

Non será unha experiencia única, supoño, a que vou relatar: ao coñecemento do porqué das cousas, das persoas célebres, tamén do planeta que habitamos, cheguei grazas unha enciclopedia xeneralista que había na miña casa que, baixo o título de dime que, dime candodime como, etc., presentaba contidos máis ou menos científicos expostos de xeito sinxelo e breve. Daquel proxecto a este Terra, subtitulado “Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, que non é unha enciclopedia senón algo mellor, hai por fortuna unha distancia case sideral e alégrome que así sexa. Inserido nunha nova colección titulada Básicos Ciencia de Edicións Xerais, dirixida por Miguel Vázquez Freire e que aposta decididamente pola divulgación científica en lingua galega, a este libro, con todo, sería inxusto tratar de aplicarlle algunha desas taxonomías ás que estamos tan afeitos os que practicamos a crítica; tamén sería imposible nunhas liñas sequera sistematizar os seus contidos e aínda menos a experiencia, enriquecedora, formativa e divertida que xera a súa lectura. Malia todo, é obrigado escribir sobre todo isto.

A proposta do neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño é, sen dúbida, apaixonante. Nela articula unha aliaxe intrépida e interxenérica entre antropoloxía, historia e literatura de viaxes, pois o libro recolle a experiencia dunha viaxe de once meses ao longo de diversos países do mundo. Pero non se agarde un discurso formalizado ou plúmbeo: antes ben, Mariño opta por priorizar a idea da divulgación dos contidos científicos e faino con transparencia, con estilo propio, exhibindo un rexistro fluído e, en moitas ocasións, salferido cunha ollada na que non falta o humor nin a ironía. Son moitas as portas que se abren neste libro. Eu convido vivamente a que se abran pois permiten acceder a espazos que talvez sexan intuídos ou sospeitados, mentres que outros sen dúbida resultan descoñecidos. De ambos os dous sáese diferente e por riba sácianse curiosidades mercé a ollada dun naturalista contemporáneo. Parabéns a Mariño por esta proposta que nace da vontade de compartir e que tanto favor lle fai á divulgación científica. Sen dúbida un dos libros máis salientables e suxestivos deste ano literario.

 

Este recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 16 de xuño de 2017.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 20 Xuño 2017 por en Crítica literaria,Divulgación,Ensaio , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: