Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Carlos Casares: unha visión persoal

O Galo Millarengo, revista coordinada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega do IES San Tomé de Freixeiro, solicitoume un breve artigo sobre Carlos Casares que reproduzo aquí abaixo. Recibina hoxe a través dun colega e doulle as grazas á profesora e vella amiga Rosa López polo convite para participar nunha publicación que entendo como un verdadeiro orgullo do noso ensino público.

 

Escribir sobre Casares, neste ano no que o Día das Letras homenaxea o seu perfil literario, e facelo na revista do centro no que durante un período de tempo impartiu docencia, talvez sexa un chisco destemido pola miña parte pero moito agradezo a invitación que me cursou a profesora, e vella amiga, Rosa López. Nestas liñas só quera facer unha sucinta reflexión sobre que supuxo para min, como lector, a obra literaria de Carlos Casares.

En ocasións, con todo, é difícil disterar o perfil humano do literario, mais sempre resulta unha esixencia para calibrar, con independencia, a importancia do último. Particularmente, o meu trato persoal con Casares limitouse a tres ou catro encontros, bastante cordiais por certo, dos que lembro tanto unha entrevista que lle realicei para un suplemento literario cando exercía como director da Editorial Galaxia na rúa Reconquista –faláralle de que atopara uns arquivos sonoros de Radio Nacional de España na Coruña cuns poemas del recitados e botárase a rir porque non valoraba nada aqueles inicios poéticos- como outro encontro en Trives, a onde acudiu convocado pola memoria do poeta Manuel Luís Acuña para revelar a importancia que para el supuxera o maxisterio e os consellos do devandito mestre republicano, represaliado no franquismo, que o animou a seguir transitando os camiños da creación literaria en galego.

Precisamente á súa obra literaria quería chegar. Lin, sendo moi novo, Vento ferido e tanta influencia deixou en min que me atrevín a facer un relato imitando o universo que se contiña no relato “A rapaza do circo”…, os comezos sempre teñen estas cousas. Ben sabido é que Casares experimentou outras vías máis experimentais mais sempre se sentiu cómodo nun rexistro que abrazase a sinxeleza -resultado sempre dun profundo traballo previo-, a claridade expositiva e a fluidez narrativa. Talvez aí radique o mellor de Casares como narrador, sen esquecer a incorporación de estratexias propias da narración oral, campo para o que exhibiu uns dotes inigualables.

Desde aquí só me queda animarvos a que lle deades unha oportunidade a Casares como narrador: difícil será que, nalgún dos seus libros, non atopedes un personaxe, unha situación, unha experiencia coa que identificarvos e que vos faga pensar. A min pasoume.

 

 

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 21 Xuño 2017 por en Artigo,Día das Letras,Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: