Blues para Moraima, Miguel Anxo Fernández

Miguel Anxo Fernández

Blues para Moraima

Galaxia, Vigo, 260 páxinas, 18 €

 

Por volta do ano 1985 algunhas mozas e mozos asistiamos ao desvelamento do patrimonio audivisual e cinematográfico galego mercé un programa, emitido na acabada de nacer Televisión de Galicia, que se titulaba “Galicia no cine” e no que algo tiña que ver Miguel Anxo Fernández, autor deste Blues para Moraima que foi merecente do premio Blanco Amor na súa última convocatoria.

Comezo estas liñas evocando aquela experiencia, que permitiu ir cubrindo lagoas con eficiencia e rigor, pois esta novela fala dos primeiros pasos da nosa televisión cunha clara vocación de servizo público e fala, asemade, dunha figura probablemente emblemática do cine galego que se agocha tras o nome de Afonso e que resulta doadamente identificable cun dos cineastas galegos máis salientables cunha vida truncada pola guerra civil e polo exilio. Co dito ata aquí xa se poñen enriba da mesa algúns dos asuntos que nuclean unha proposta que, sen dar as costas ás características do autor presentes noutras novelas anteriores como son a axilidade e un peculiar enfoque da materia narrativa condicionada, felizmente condicionada engadiría eu, por unha ollada cinematógrafíca, fai un esforzo por situarnos con naturalidade en dous contextos históricos como son a guerra civil (e a consecuencia que supuxo pola vivencia do exilio para moitas persoas) e o tempo da mal chamada transición (ese período que Lueiro Rey denominou “transición intransixente”), sen deixar pasar a oportunidade para deixar constancia dunha visión crítica aos demócratas de novo cuño que se reapropiaron do poder, sexa este cal fose, sen que ninguén, ou case ninguén, se atrevese a sinalalos co dedo.

A través de numerosas analapses  e de diferentes puntos de vista -salientaría pola especial eficacia e beleza expresiva aquel que está presente nas cartas “recuperadas” de Afonso- Blues para Moraima constitúe un percorrido intelixente e efectivo, abeirado en certa maneira ao thriller, polo noso pasado, desvelando ademais o mellor e o peor da alma dos personaxes que por ela transitan pois, como na novela se afirma “a memoria, ademais de teimuda, sempre retorna”. Así é, e alégrome que Miguel Anxo Fernández faga que a evoquemos para aprender dela.