Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Marga Tojo

 

Marga Tojo

1.– Principal trazo do seu carácter?
– Creo que son conciliadora. Teño tendencia a mediar nos conflitos. Case sempre hai máis motivos parni a crear lazos que para destruílos. Non coa inxustiza e co abuso, esas son as batallas nas que cómpre estar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade, a simpatía e a intelixencia. Teño un fraquinho polas persoas graciosas. Non entendo o amor sen risas.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que vivan moitos anos e poidamos celebralo xuntos.
4.– A súa principal eiva?
– Teño moitas, pero foron vencidas polo cansazo. É cousa de que medren as nenas da familia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir, pensar, crear cousas coas mans, conversar, escoitar música, bailar coa miña filla, unha entusiasta da danza, e coas miñas fillastras, as súas irmás.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha vida sinxela ateigada de persoas e acontecementos apaixoantes.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte da miña familia.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son, pero con máis estabilidade económica.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gustaríame voltar a Santiago de Compostela, e desde alí moverme. Se puidese, viviría curtas tempadas ao ano en Lisboa, Bos Aires e Barcelona. Aínda que o meu propósito para o curso que vén é gozar de Madrid, onde vivo desde hai tres anos. A ver se se conxugan ben as cousas.
10.– A súa cor favorita?
– O negro.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A margarida silvestre.
12.– O paxaro que prefire?
– Non entendo nada de paxaros, pero paréceme simpático o mergullón pequeno, que ten aspecto de parrulo, sen selo. En realidade, o paxaro que máis observo é a gaivota. Perto da miña casa, en Madrid, en pleno asfalto, paran un feixe delas. En Noia, unha gaivota arrincoume da man un sándwich ao voo. Aprendín que, alén de fermosas, son gregarias, adaptábeis e intelixentes. Poderían protagonizar un relato distópico, unha nova civilización invasiva, seguro que non o fan tan mal coma nós.
13.– A súa devoción na prosa?
– Marguerite Duras, Margaret Atwood, Fran P. Lorenzo, Berger, Mary Shelley, Alberto Ramos, Carlos Meixide, Ángel Cobos (un contista aínda inédito), Xurxo Chapela… No teatro Quico Cadaval e Carlos Santiago. De rapaza, fun das entusiasmadas por Anagnórise, de María Victoria Moreno. Gústanme as seleccións de Hugin e Munin. Pero son moito máis de ensaio que de novela: Hannah Arendt, Silvia Federici, Rendueles… Agora estou con Animación sociocultural en prisión, a experiencia no centro penitenciario de Monterroso, e Os últimos indios, de Patricia Janeiro. O que máis leo é reportaxe xornalístico.
14.– E na poesía?
– Na literatura, en xeral, e na poesía, en particular, sigo o que fan as escritoras d’A Sega, individualmente e como colectivo. Como escritoras, críticas e activistas. Pola grande calidade. Aquí os nomes: http://www.asega-critica.net/p/as-segadoras.html. Alén, sempre tiven como referente Edicións Positivas e o olfacto literario de Paco Macías. E gústame Sylvia Plath, Pizarnik, Anne Sexton, Leopoldo María Panero, Rosalía de Castro, Pasolini, a polipoesía barcelonesa, Joan Brossa, Marilar Aleixandre, Mario Regueira e Gonzalo Cortizo, como poeta aínda bastante descoñecido. Agora ando a ler Mina Loy. Futurismo, dadá, surrealismo.
15. – Un libro?
– Houbo dous libros que me marcaron na preadolescencia para sempre. Collinos dalgunha estantería dos meus pais. O Amante, de Marguerite Duras, e Réquiem por un campesino español, de Ramón J. Sender.
16.– Un heroe de ficción?
– O Frankenstein de Mary Shelley.
17.– Unha heroína?
– Interésame Wonder Woman, que está de actualidade, a orixe e evolución, desde a personaxe de cómic nos corenta do século XX. Non é a heroína de ficción da que máis gosto, pero si me parece importante na cultura de superheroes, enfocada á infancia.
18.– A súa música favorita?
– Fugazzi, Nina Simone, Turbonegro, Bikini Kill, Billie Holiday, Bala, Pascal Comelade, The Cramps, Samesugas, Yo la tengo, Narf, Nicho Varullo, Das Kapital, Fluzo, The Homens… As últimas semanas escoito seguido Malraio, un grupo novo de Compostela. Penso que vai gustar moito.
19.– Na pintura?
– Maruja Mallo, Frida Kahlo, María Meijide, Kathe Kollwitz…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Coa que está a caer, hai moitos. Eu fico coa miña filla, da que aprendo desde hai tres anos a fortaleza e o humor ante a adversidade. E tamén co seu pai.
21.– O seu nome favorito?
– Gústame Helena.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Dous hábitos. O da xente ruín con maneiras de enrollada. O de quen deosta a diversidade e impón o seu modo de facer as cousas coma se fose o único bo.
23.– O que máis odia?
– O abuso de poder. Os linchamentos. E a burocracia (fatal organizada), que pesadelo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os grandes corruptos.
25.– Un feito militar que admire?
– O 25 de abril, aínda que excede moito a consideración de feito militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A capacidade de estar como unha rosa durmindo pouco e o amor polo papeleo, xa que hai que facer tanto.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Moi velliña e sen medo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A reflexión.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– As torpezas sen mala intención.
30.– Un lema na súa vida?
– Un recente no que confío: Desta vez vai saír ben.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 7 Xullo 2017 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: