Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Arístides de Sousa Mendes. O Schindler portugués, de Vicente Piñeiro

Vicente Piñeiro

Arístides de Sousa Mendes. O Schindler portugués

Toxosoutos, Noia, 114 páxinas, 15 €, 2017

 

A historia senlleira do diplomático portugués Arístides de Sousa Mendes, que exerceu como cónsul na cidade de Vigo a finais da década dos anos vinte onde realizaría labores a prol do Estado Novo consistentes na aniquilación das operacións dos refuxiados políticos, simboliza un deses casos extraordinarios que se formulan diante dun dilema no que se ha de escoller entre acatar as decisións dos seus mandos políticos superiores ou optar pola desobediencia e, como consecuencia, salvar as vidas de milleiros de persoas, malia que esta escolla determine que as cousas nunca serán igual para el. Sobre este singular personaxe rodouse e circulou en diversas salas unha interesante película titulada “O cónsul de Burdeos” que serviu para proxectar a súa figura, sometida a un esquecemento interesado tras a súa morte en Lisboa, a mediados dos anos cincuenta, cando vivía como un indixente, arruinado e sometido ao desprezo do corpo diplomático e das autoridades da ditadura de Salazar.

Vicente Piñeiro aborda nesta novela os intensos días en que Arístides de Sousa se debate, como cónsul de Burdeos, entre seguir os principios de Oliveira Salazar que obrigaban a negar calquera salvoconduto para saír de Francia ou abrazar a desobediencia e asinar os visados que significaban un esperanza para milleiros de persoas, entre as que se contaban un contixente enorme das ameazadas polo antisemitismo do exército nazi que ocupaba Francia e outros personaxes como o médico republicano Eduardo Neira, o banqueiro Rothschild, Salvador Dalí e Gala Éluard ou o rabino Chaim Kruger. Debates que atinxen loxicamente ao plano político, coa chegada do exército alemán a Francia e tamén cos  seus propios problemas persoais pois ambos os dous constitúen o pano de fondo desta novela. Piñeiro, autor entre outras obras recentes de Asasinos, asasinos, asasinos (Toxoutos, 2011) opta, así pois, por “novelar” todo o que debería pasar pola mente do protagonista, incluída a súa actividade frenética como responsable final da sinatura dos visados, ata a súa chegada a Portugal reclamado pola ditadura para render contas sobre a súa actividade. Na novela ocupan un papel non menor as coñecidas irmás Touza, de Ribadavia -asunto igualmente traballado polo autor-, que protagonizaron como é sabido un dos máis extraordinarios casos de solidariedade cos perseguidos políticos facilitando o paso a moitos deles cara a Portugal e cuxa rede de evasión foi, seica, creada polo diplomático portugués.

Cómpre valorar nestas páxinas o exercicio dificultoso e o risco que supón internarse nese debate persoal do protagonista mercé o emprego dun recurso como é o dunha corrente de consciencia, se se quere unha crónica oral que, por veces, cede espazo a outros solucións como a reprodución en estilo directo de diálogos que quebran, aínda que vivifiquen, ese discurso. Cuestións técnicas á parte o certo é que, para min, foi grata esta redescuberta dun personaxe histórico, próximo sen dúbida, e respecto de quen Piñeiro realiza un acto de xustiza histórica, salientando a valentía e a fidelidade a uns principios nos que a vida do ser humano estaba por riba de todo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: