Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro

João Manuel Ribeiro

Meu avó, rei das pequenas cousas (tradución de Ánxela Gracián, ilustracións de Catarina Pinto).

Hércules de Ediciones, A Coruña, 80 páxinas, 13,50 €, 2017.

 

Chega a nós, desde o ámbito da tradución e mercé ao coidadoso traballo de Ánxela Gracián, unha proposta da man do escritor João Manuel Ribeiro, autor de longa traxectoria no ámbito da literatura infantil e xuvenil portuguesa.

Meu avó, rei das pequenas cousas é un traballo narrativo sui generis que, mercé unha ollada que se sitúa  a medio  camiño entre a lírica e nalgún caso o arrecendo de carácter filosófico -ineludible o pouso que deixan neste libro voces como Pessoa ou Lorca-, percorre os esteos da memoria. Unha memoria en que agroma a figura do avó: un avó senlleiro que se evoca desde a perspectiva dun neno que non agochar nin a devoción nin o abraio por alguén que desvela, con paciencia e agarimo, o que é a mesma vida.

Unha vida distinta, claro é, á que o neno  leva mais que deixará un pouso perenne para o seu futuro sobre todo polo legado que o avó teima en transmitir. Este non é outro que o exercicio da reflexión, de botar unha ollada distinta ao que nos rodea e que lle aprendeu a reparar que no máis pequeno, en aparencia no máis intranscendente, repousa a clave para afrontar o que está por vir. Precisamente son os valores da amizade, do respecto á natureza e ao lugar no que un vive ou do que un vén -non tan diferente, por certo, do que entre nós aínda podemos atopar-  os que o avó transmite limpamente a través dun discurso que non esquece nin a validez nin a operatividade que a fantasía e os soños atesouran para sermos máis humanos: “o pensamento é irmán do soño e da imaxinación” e “xuntos tecen os misterios da vida”, afirma unha voz narradora.

Unha aposta de Hércules Ediciones por un autor que terá a súa continuidade, en pouco tempo, con dous novos títulos de Ribeiro: O senhor Péssimo é o máximo  e A Casa Grande.