Hai tanto que non estabas/Hace tanto que no estabas, de Vicente Araguas

Vicente Araguas

Hai tanto que non estabas/Hace tanto que no estabas

Amargord, Madrid, 146 páxinas, 13 €, 2017

 

“A poesía chega a onde non chega a filosofía”, sentenciou hai pouco tempo Vicente Araguas. Nada mellor que se poida aplicar a este libro escrito orixinalmente en lingua galega e que ve a luz agora, en edición bilingüe, mercé ao traballo, exquisito, de Amagord Ediciones. Un libro que percorre, con brillantez, os camiños dun ubi sunt? particular, desde as instancias da amizade e da memoria.

Araguas opta, así pois,  por construír unha elexía. Achegámonos, daquela, á poesía da exhortación,  á expresión compartida dos ocos que deixa a ausencia, ao que o autor bautiza como “memoria breve de ti e de min” e, sen dúbida, como as elexías máis conmovedoras, os poemas deixan ese ronsel preñado de emoción ao posibilitar que nos asomemos ao que revela e descobre a morte. E ao transcribila en palabras, cousa que aquí se confirma como posible, Araguas fálanos, con contención,  esencialismo e limpeza expresiva, dos días vividos, de experiencias compartidas, dese “agora xa foi” no que emerxe a amizade a través dun proceso constante e teimudo de apreixar anacos do pasado, de recompoñer unha vida que paseou por Neda, por Ferrol, por Xuvia, polo Coto de Ancos, polas terrazas e os cuartos de casas antigas, tamén polas cancións que agora volven soar desde a lembranza.

Dío, en definitiva, o autor moito  mellor ca min cando escribe que recolle “anacos de brétema / coa que ir retallando o que vin nos teus ollos”. Eu engado que, ademais, o fai de tal xeito que resulta difícil non sentirse próximo ou recoñecido -en actitudes, en experiencias- nalgún poema, nalgún verso. Ese é, tamén, un dos seus valores.  Seica este libro ten un xemelgo que xa nos tarda en coñecer, mentres tanto gocemos con este Hai tanto que non estabas. Para min unha regalía.