Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Contos do Sol e da Lúa, de Helena Villar Janeiro

Helena Villar Janeiro

Contos do Sol e da Lúa (ilustracións de Ana Costas)

Alvarellos, Santiago de Compostela, 76 páxinas, 12 €

 

Aplaudo a iniciativa de Alvarellos Editora, ao fío do seu corenta aniversario, de introducirse nun ámbito como é o da literatura infantil e xuvenil pois sempre é positivo, ou así o entendo eu, que a pluralidade destas achegas sexa cada vez maior. E alégrome, ademais, porque esta estrea, ademais de completarse con outro volume, vén da man dunha das voces que máis admiro como é a de Helena Villar Janeiro. Contos do Sol e da Lúa, así pois, que gozou xa dunha edición anterior non venal na que se distribuíron trinta mil exemplares, está constituído por un total sete relatos, todos eles de inspiración diferente mais talvez unidos tanto por contaxiar unha visión optimista da vida e do futuro -sen nunca dar as costas aos conflitos que aparecen na vida cotiá- como por abrazar a defensa inmanente duns principios inspirados en valores como son o respecto ao medio natural, a solidariedade, a relevancia da educación e da lectura ou a igualdade entre as persoas.

A autora, ademais, transmite esta vontade sabendo perfectamente para quen escribe, á marxe de que os relatos poidan ser gozados igualmente por un público adulto. Relatos narrados con sinxeleza e axilidade, estruturados con extraordinario acerto e acompañados por suxestivas ilustracións de Ana Costas, testemuñan esa particular habelencia que amosa a autora para casar, cando cómpre, o máxico co cotián en diferentes situacións como poden ser o mundo dos xoguetes como pano de fondo, un mundo constituído por gnomos e gnómidas, ou en contextos que nos lembran que Os Ancares, felizmente, existen e como aí un corzo, que salta dun libro á montaña, pode converterse na forza motriz da ilusión e da propia escrita. Villar Janeiro fala tamén aquí de como ás veces as cousas imposibles poden conseguirse ou de que maneira os valores da amizade e da solidariedade, coa música como elemento integrador, poden axudar a ver a vida doutra maneira. Mesmo non esquece recrear esa idea de que os desexos ás veces non se cumpren, pois de todo hai que aprender, ou como discorre a amizade en mundos aparentemente opostos.

Recomendo este libro de Villar Janeiro. Para min supuxo unha lectura gratificante e, como é habitual na autora, literariamente redonda e conseguida.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: