Maruja Mallo (ilustracións de Eva Agra)
Urco Editora, Compostela, 36 páxinas, 10 €
Avanza a colección “Mulleres bravas da nosa historia” con bo pé. Aos dous volumes anteriores, centrados nas figuras de Rosalía de Castro e María Victoria Moreno, únese arestora este que subscribe Elvira Ribeiro centrado na pintora surrealista Maruja Mallo, con coloristas e atractivas ilustracións a cargo de Eva Agra.
Teño para min que Ribeiro é quen de situarse con acerto no horizonte de expectativas que unha nena ou un neno poden agardar dun libro destas características e formato. Nel avánzase, a través dun discurso rigoroso que bebe nunha documentación ampla, páxina a páxina por un universo singular onde non falta dirixir unha ollada directa, divulgativa e formativa, neste caso sobre Maruja Mallo e o seu tempo. Mais cómpre subliñar que a autora sabe captar a atención “desacralizando” o obxecto de interese e isto non é un labor doado pois o ámbito da creación pictórica no que se moveu a artista -surrealismo e construtivismo basicamente- incorpora talvez certas dificultades engadidas das que a autora sae con moita solvencia suxerindo, alén de vizosas lecturas biográficas e interpretativas do traballo artístico de Maruja Mallo, actividades de carácter didáctico cuxo desenvolvemento está ao alcance de calquera persoa que se achegue a este libro con vontade de descubrir algunhas das claves, sen dúbida, de quen foi unha muller brava e libre. Moitos parabéns pola iniciativa e, en particular, á autora desta entrega.