Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Terradentro, de Xosé Benito Reza

Xosé Benito Reza

Terradentro

Xerais, Vigo, 376 páxinas, 19 €, 2017

 

Había certo tempo que non caía nas miñas mans unha proposta que convidase, en inmanencia, e lela en voz alta. Isto pasoume con moitas pasaxes de Terradentro, primeira incursión do ensaísta, investigador e divulgador celanovés Xosé Benito Reza no ámbito da ficción. A razón talvez se deba tanto á musicalidade dunha prosa coidada e veraz, herdeira do mellor dos nosos clásicos, como á fidelidade á hora de reflectir a esencia do rexistro oral.

Un posible tesouro
Reza constrúe, así pois, un universo francamente atractivo a través de tres novelas unidas por personaxes e espazos comúns e mais un texto final que é unha crónica memorialística e autobiográfica emocionante e honesta. Nesas tres novelas primeiras, abeiradas a un xénero que case denominaría como thriller rural, un avogado chamado Rial será quen solvente con intuición e enxeño asuntos como son a morte dun vello fidalgo, a existencia posible dun tesouro vinculado coas crenzas populares ou os responsables dun acto vandálico cometido contra o can dun alcalde en pleno franquismo. Podería ser que nestas historias pesasen as lousas da nostalxia pero non é así e se algunha hai esta véncese pola presenza do humor. As intrigas resólvense con efectividade narrativa mais teño para min que se cadra os elementos de maior interese repousen tanto no afán de reconstruír a vida cotiá e a atmosfera dunha vila galega do interior en plena posguerra, dominada aínda polo medo e represión, como nese propósito de evidenciar algunhas das lacras que nese tempo se testemuñaron como os ataques indiscriminados ao noso patrimonio natural e material e a pervivencia dos valores asociados ás crenzas populares, que tanto contrastan co espírito científico ou dedutivo que exhíben algúns personaxes.

A paisaxe e o territorio físico, tanto desa vila innomeada que é un retrato magnífico de Celanova e da penechaira arraiana, convértense nos grandes protagonistas desta Terradentro: foto fixa dun tempo que se foi e que se conta con destreza, con moitas chiscadelas á propia historia e con tanta suavidade como ese fermosa imaxe que Reza idea cando nun inverno a neve “limpa todos os cristais do universo”. Ese universo senlleiro que o autor quixo, felizmente, compartir connosco.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21 de xullo de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: