Floreano, de Gogue

Gogue

Floreano (limiar de Alberto Avendaño)

Xerais, Vigo, 216 páxinas, 17,50 €

 

Floreano foi sempre, para min, unha figura familiar tanto desde os tempos de Can sen dono como na prensa escrita viguesa onde salientaba sempre ese lóstrego de retranca que recollía, e recolle, unha filosofía singular, non exenta tantas veces de crítica social, expresada sempre nun galego coloquial, coa gheada e seseo como ferramenta expresiva espontánea, natural e popular.

O pai de Floreano, Gogue, foi igualmente unha persoa xenerosa e aberta cando se lle solicitou unha colaboración  para participar nun libro de autoría colectiva sobre Manuel Lueiro Rey hai agora por volta de cinco anos. Alén de autorizarnos a reproducir parte da caricatura máis coñecida de Lueiro naquela altura para cuberta, enviara tamén unha tira extraída da serie “Os benamados” que publicara había anos nunha páxina central do Dominical do Faro de Vigo: unha sección que ía ao pé da páxina titulada “Foguetes dominicais, por Floreano”, articulándose daquela como unha plataforma desde a que ofrecer unha visión satírica de acontecementos de actualidade naquela altura e outros produto da invención do autor e que me permito reproducir abaixo deste apuntamento, en honra a Gogue e a mais a Lueiro.

Vén todo isto a conto porque apareceu hai uns meses unha compilación de traballos de Gogue, prologados por Alberto Avendaño,  correspondente na Casa Branca para Asociación Nacional de Prensa Hispana (NAHP) e hai pouco tempo galardoado con un Premio Emmy de Comunicación nos Estados Unidos, baixo o título de Floreano: un libro que posibilita facer un percorrido por unha mínima parte do traballo de Gogue como humorista gráfico no que entendo unha plausible iniciativa para reivindicar a tira cómica e, dalgún xeito, dignificar e facilitar o acceso ao humor gráfico galego, dimensión na que o autor grovense ocupa un papel salientable. Con todo, faltaría á verdade se só sinalo esta lectura pois con Floreano faise imposible non atopar algunha tira -cadaquén as súas- na que este reencontro non estea gobernado pola gargallada sincera e a admiración polo enxeño que exhiben. Unha posibilidade, abofé que si, para acompañarse neste verán e ler, con vagar, algo distinto que axudará, non o dubido, a poñerse de mellor humor.