Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A vida sinxela de Marcelo Firmamento, de Vanesa Santiago

Vanesa Santiago

A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Galaxia, Vigo, 200 páxinas, 16 €, 2017

 

Pareceume unha luminosa idea a convocatoria dun novo premio, ao abeiro da Editorial Galaxia, que galardoase proxectos narrativos escritos por persoas menores de trinta e cinco anos. Bautizouse o galardón co termo Illa Nova e ben está esa escolla que evoca aquela histórica colección que botou a andar hai agora sesenta anos e que acolleu pezas narrativas que, nalgúns casos, acadaron a condición de clásicos.

Comezo por esta referencia porque Vanesa Santiago, autora que se dera a coñecer coa novela Ninguén lembra (Urco, 2013), conseguiu o devandito galardón cunha atractiva proposta na que fai confluír elementos da novela realista con outros de corte fantástico-mitolóxico ou lendario. Para iso eríxese unha voz narrativa que transcribe afanosamente o que puido ir recollendo aquí e acolá para recrear unha historia de resonancias mariñeiras, nalgunha medida tamén históricas, omnipresentes en todo o texto e que van de Fontán (Sada) a todos os mares do mundo a través xustamente das particulares reviravoltas que protagoniza un personaxe sólido, deses que se fan querer pola auréola misteriosa coa que se deseña desde as primeiras páxinas. Velaí a presenza de Marcelo Firmamento: ese cosmonauta que chanta os pés no mar e os ollos no ceo e que aínda acredita na sinxeleza natural do extraordinario como son as mensaxes nunha botella por poñer un exemplo. Marcelo entende a vida, así pois, como aquel territorio no que todo pode pasar, mesmo descubrir o amor ou procurar un pai descoñecido. O continuo movemento, o ir e vir da súa existencia, posibilita asemade que entren e saian do cadro argumental outras voces e presenzas non menos atractivas como son os inesquecibles Rederrota, o Murallas, o Mouro e Ellaine.

Non é menor a relevancia nesta novela dese pouso fantástico que que se funde ou dilúe no relato do cotián cunha atractiva harmonía -velaí as anamouras, o que ocorre nunhanoite das noites, o engado dunha balea extraordinaria ou as moedas enigmáticas que traen sorte- que asume as técnicas do relato oral con brillantez para deixar unha mostra poderosa da súa efectividade narrativa ao integrarse cun fino sentido do humor. Medre o mar!, Marcelo Firmamento.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 28 de xullo de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: