Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Tempo transfigurado, de Cesáreo Sánchez Iglesias

Cesáreo Sánchez Iglesias

Tempo transfigurado

Faktoría K, Pontevedra,  104 páxinas, 12 €, 2017

 

Van xa case catro décadas desde que Cesáreo Sánchez Iglesias publicara o seu primeiro libro (Silencios e conversas de inverno,1978), xénero que nunca deixou de cultivar desde aquela. Un volume máis neste camiño, talvez relevante na súa bibliografía poética, sexa este Tempo transfigurado que ve a luz na prestixiosa colección Tambo, dirixida por Luís Rei.

      O autor ofrece arestora un traballo preparado a lume manso ao longo de dez anos e percorre os sucos, se se quere as cicatrices, que o paso do tempo vai deixando coma se fose un mapa construído a través da constatación das ausencias, deses silencios que nos asolagan, alicerzado ademais nun diálogo construtivo e vivificador coa música. Sánchez Iglesias abéirase, nun libro que me parece distinto, a unha sorte de cartografía de sombras, iluminadas desde as instancias da evocación, bebendo nesa fonte que é a memoria para procurar unha saída diante da desorientación, da dor ou do desamparo que provoca o sentimento de orfandade que agroma desde un motivo de índole persoal como foi a morte da nai: ese «pan con mel» símbolo da dozura e do necesario alimento da existencia e do espírito. Un libro elexíaco, talvez, mais no que sempre se procura a luz, isto é, a beleza para iluminar un camiño que pragado de preguntas. Este percorrido, que vexo como unha cosmogonía particular e universal, reflíctese e modúlase nos ecos que aínda sosteñen os obxectos cotiáns, na propia natureza que enchoupa a vida que pasa e que agora se observa e esmiuza desde a atalaia que fornece o tránsito dos anos. Por iso mesmo tamén este libro é unha reflexión, chea de matices, sobre a inexorabilidade do paso do tempo e sobre a percepción da soidade; dalgún xeito un ubi sunt? literariamente escintilante.

     Aludía á presenza da música neste libro e non é este un elemento secundario: máis ben constitúe todo un desafío no que a inclusión do rexistro sonoro, fose do xénero e da época que fose, estrutura dalgún xeito o ritmo do poema e matízao cunha tonalidade diversa e rica, sempre de mans dadas coa palabra dorida do autor. Cífrao o poeta cando apunta que «escribo o recordo da casa» e «escribo a música que descoñezo». Dous esteos que marcan, singularmente, un libro que transfigura ese tempo que danza cando só queda «o eco do recordo».

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de agosto de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: