El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos, de Urbano Lugrís

Urbano Lugrís

El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos (edición de Olivia Rodríguez)

Alvarellos, Compostela, 108 páxinas, 14 €, 2017

 

Tras o rescate, realizado hai poucos anos, que dos textos de Urbano Lugrís fixera Alvarellos e a especialista Olivia Rodríguez nos brindaran na Balada de los mares de norte, volve sorprendernos esta nova achega que, baixo o título de El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos se presenta hoxe mesmo na Feira do Libro da Coruña.

Para sumarme, aínda que fose desde a distancia, a esa exaltación da memoria e do traballo literario e artístico de Lugrís, vaian aquí unhas palabras sobre un libro que incorpora máis dunha decena de intervencións narrativas e poéticas, a carón de diversos debuxos do autor, algúns deles inéditos ata o momento e que abranguen un período creativo que se estende desde 1929 ata 1966. A escrita de Lugrís  revela un estilo propio, probablemente inimitable e único, que dalgún xeito se articula como un espello da súa obra admirable obra pictórica. Escribe Lugrís, se cadra, desde unha vontade de intervención  na realidade que se orienta case sempre cara a ofrecer uns ángulos onde abraza unha lectura fantástica, por veces bretemosa e onírica, mesmo cando se achega a interpretacións particulares de tradicións de carácter relixioso onde non é difícil advertir a vontade de procurar un punto de confluencia entre tradición e vangarda.

Abofé que no libro se recollen moitos textos que son produto das circunstancias e necesidades vividas polo autor mais qué literatura, ou se se quer, que creación literaria non é, dalgún xeito, resultado das circunstancias? E aí, talvez, repouse un dos atractivos dun libro que tripa camiños sorprendentes, inesperados e máxicos, nos que fala do mar, dos tesouros ocultos e do enigmático e misterioso para facer fronte ao máis cotián. Ás veces sucesos, en palabras do autor, que teñen un “carácter excéntrico, fantasmático, invulgar, onírico”; noutras ocasións recoñecementos particulares a persoas ou acontecementos nos que atopaba un cauce máis axeitado a través da palabra.

Se ben o texto que lle dá título ao libro, ao meu ver un dos máis extraordinarios entre os compilados, era xa coñecido mais incorpora agora unha versión diferente que lle outorga matices e diferenzas que o melloran substancialmente, o libro contén verdadeiras alfaias como un soneto para Luís Seoane, o poema “Ay, como oubean á terra” e esoutra composición titulada “La Florida” que, xunto coa reflexión sobre a cama feita coa madeira dos galeóns de Rande, rende unha explícita homenaxe á cidade de Vigo.

Todo un acerto nesta edición de textos esquecidos a incorporación das letras capitulares que creaba o pintor para iniciar os seus escritos. Todo un acerto este traballo que nos trae Alvarellos Editora da man da profesora Olivia Rodríguez que procurou e investigou con constancia ata ofrecernos este segundo e espléndido volume de escritos e debuxos de Lugrís. Convido a mergullarse, hoxe e sempre, neles.