Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, por Beatriz Maceda Abeleira

Beatriz Maceda

Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán

Trifolium, A Coruña, 122 páxinas, 12 €

 

A profesora e escritora coruñesa Beatriz Maceda Abeleira, estrea unha nova colección na Editorial Trifolium que, baixo o epígrafe de Nemo, acolle o que é o primeiro libro integrado nunha serie orientada a un público xuvenil. Sendo así, con todo, Maceda consegue unha obra que me atrevería a situar dentro desa narrativa de fronteira, apta para quen queira gozar dunha boa e sólida historia.

Nela formúlase unha hipótese máxica que se sitúa, en canto ao tempo histórico, aos cinco meses despois do asasinato de John Lennon, pero ademais trázase unha liña transversal que une dúas épocas, sempre a través dun bisneto ficticio de Valle Inclán, como son as que lle tocou vivir ao seu bisavó -os días turbulentos que reflectiron as voces da xeración do 98- e a explosión creativa que chegou nos anos oitenta do pasado século.

En boa medida, esta proposta encaixa, nas chamadas novelas de aprendizaxe pois nestas páxinas o bisneto deixa a adolescencia e asómase, así, a un mundo de adultos onde non é menor a relevancia que ocupa a necesaria descuberta dalgúns enigmas de carácter familiar e persoal que debe solventar por si mesmo para entender a vida doutro xeito.

Un ano despois do 150 aniversario da morte de Valle Inclán, Maceda homenaxea, desde a ficción, a figura de Valle Inclán que en parte se reconstrúe neste libro: algo patente desde a súa estrutura, que evoca as sonatas, pasando pola presenza recorrente da sombra que proxecta Luces de bohemia ou a idea central que paira en todo o libro de entender o teatro como un elemento valioso para a propia vida e para o espírito crítico. A isto, súmase a relevancia depositada na lectura e nos libros, de mans dadas co mundo da imaxinación que conduce á presenza do fantástico, que latexa por veces a través dos espellos cóncavos e convexos, tanto nun pazo arousán como no rueiro do Gato madrileño, malia que ás veces só estea na mente do protagonista porque, en efecto, non sempre todo é o que parece e, no fondo, todos temos moitas máscaras de ficción coas que andamos polo mundo. Sen abouxar, con tento e fortuna, a autora espella aquí e acolá diversos focos de indubidable interese narrativo que se encerran nunha proposta solvente á que lle desexo feliz andaina.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 11 de agosto de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: