Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Como ser muller, de Caitlin Moran

Caitlin Moran

Como ser muller (tradución Moisés Barcia)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 344 páxinas, 20 €, 2017.

 

Caitlin Moran (Brighton, 1975), crítica de televisión e columnista de The Times, chega a nós neste verán grazas a Rinoceronte Editora, que apostou por traducir un dos libros de maior éxito de vendas e impacto da literatura británica seis anos despois da súa edición orixinal. En Como ser muller, galardoado como libro do ano nos Galaxy National Book Awards entre outros recoñecementos, Moran constrúe unha proposta fresca e desenfadada, mordaz e enxeñosa, militante e divertida, que se sitúa a cabalo entre a memoria e a crónica das vivencias cotiás das mulleres desde unha perspectiva próxima á socioloxía, asumindo un punto de vista que parte do contorno determinante en que naceu -é filla dunha familia numerosa de condición proletaria- e dunha visión feminista do mundo.

Se cumprise, como cómpre, condensar as sensacións que deixa a súa lectura talvez non sería desencamiñado salientar, en primeiro lugar, ese punto de vista desacralizador que aplica ao relato das súas experiencias e ideas, peneirándoo con altas doses dun particular e marabilloso sentido do humor que outorga, en tantas ocasións, un sesgo irónico e provocador, a través do que se nos fan explícitas moitas cousas que no fondo resultan serias, como esas cargas de profundidade dirixidas á ridiculización dos signos e realidades machistas que asolagan a sociedade contemporánea.

Completaría a tonalidade de Como ser muller a sinceridade e franqueza, desinhibición talvez, que repousa na exposición do punto de vista da autora sobre un abano de asuntos que van desde a relación do seu propio corpo, pasando pola maternidade, o aborto, a sexualidade, a relación cos homes, o machismo ou o amor.

Dotada dun ritmo vertixinoso onde sempre será sorprendente o que se nos conta en cada páxina que está por vir, este é un libro que á mantenta se afasta da posibilidade de ofrecer unha visión académica e seria sobre o feminismo, mais esta opción posibilita se cadra que este libro achegue e divulgue presupostos deste carácter que fagan reflexionar con efectividade e sentido común sobre as discriminacións sexistas, e isto sempre suma, quen o dubida, nunha sociedade na que neste tema aínda queda tanto por facer, tanto por educar.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de agosto de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: