Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

eSPedición, de Juanra Madariaga

Juanra Madariaga

eSPedición (tradución Isaac Xubín)

Hugin e Munin, Compostela, 220 páxinas, 16 €, 2017

 

Shisha Pangma, o SP, é unha montaña situada no cordal do Himalaia e, con 8.027 metros de altura, considérase o máis pequeno dos catorce oito mil: tal e como Juanra Madariaga (Bilbao, 1962) nos conta en eSPedición trataríase do «meirande entre os pequenos».

Madariaga sorprende cun libro mestizo, ideado e composto cun inequívoco ímpeto narrativo que, ao tempo, incorpora trazos da linguaxe poética, e non só polos poemas reproducidos senón polo coidado depositado nas palabras escollidas, pola beleza estética que acada en numerosas pasaxes. O autor ofrece, así pois, un relato onde o fío que nos conduce desde o comezo ata o final bebe dunha especie de diario das experiencias cotiás e persoais desde a preparación da viaxe ata o ascenso ao cumio. Toda esa información conflúe coa descrición dos novos espazos transitados, dos costumes das xentes que coñece, da historia dos lugares que visita ou, mesmo, de reflexións suxestivas, por exemplo, sobre «o terceiro humano»: esa presenza que tantos alpinistas revelaron en situacións críticas e que se xustifica polos neurocientíficos como «a expansión da conciencia do corpo no espazo fóra do corpo».

Ademais, o artefacto literario aliméntase de historias verdadeiramente incribles de alpinistas de todo tempo e lugar, de mans dadas con referencias literarias pois foron moitos os escaladores que se acompañaron de libros nos seus desafíos, sendo especialmente rendible neste caso a presenza de Lucas, personaxe de ficción tirado de Un tranvía a SP, de Unai Elorriaga -traducido con rigor no seu día por Ramón Loureiro- pois Lucas é o interlocutor imaxinado, tamén querido, co que dialoga nos bos e nos malos momentos. eSPedición, traducido con excelencia por Isaac Xubín directamente do éuscaro, engade ademais ese espello que retrata unha viaxe interior que, ineludiblemente, un reto destas características trae canda si na que expoñen moitas preguntas que, noutras situacións, nin sequera nos formulamos. Un libro no que, alén de todo o dito, se aprende moito e que resulta unha sorte lelo na nosa lingua.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 24 de agosto de 2017.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: