Poesía cromática, de Antonio G. Teijeiro e Xulio G. Rivas

Antonio G. Teijeiro e Xulio G. Rivas

Poesía cromática

Belagua Ediciones, Vigo, 72 páxinas, 20 €, 2017.

 

Hai proxectos que chegan felizmente a converterse en realidade sobre os que, ademais, resulta unha satisfacción escribir. Este é o caso de Poesía cromática, un libro inusual e singular entre nós que posúe unha xénese que é preciso detallar.

O poeta Antonio G. Teijeiro e mais o pintor Xulio G. Rivas acordan realizar un traballo de inspiración artística e literaria común. Durante diversas sesións de traballo, distribuídas desde o ano 2014 ata o 2016, ambos os dous péchanse no mesmo edificio, nun andar diferente e cun tempo determinado, e cada un deles escribirá cinco poemas e pintará cinco acuarelas que se intercambian posteriormente. Esta dinámica non determina que o resultado sexa un libro de poesía ilustrada ou de pintura acompañada de poemas: antes ben xera suxestións que irán alimentando a posteriori este plan común que, ademais, se complementa coa audición da mesma música por parte dos creadores: do jazz á música clásica, de Leonard Cohen a Bob Dylan ou Aute.

O resultado é o que, nunha edición limitada e asinada polos autores, Belagua Ediciones nos ofrece: un libro que incorpora, a carón dunha versión mecanografada das composicións poéticas, as acuarelas e mais os poemas caligrafados sen someterse estes últimos a ningún proceso de emenda ou corrección posterior, de xeito que se revela diafanamente o que de espontáneo encerra esta interacción artística.

Poesía cromática, así pois, prologado con brillantez pola poeta Eva Veiga, establece un desafío desde a súa concepción inicial e a valoración que se pode facer desta aliaxe non pode ser mellor. As composicións poéticas réxense por un criterio que abraza arreo tanto a procura da beleza como o cuestionamento existencial desde unha particular sensibilidade intuitiva onde a referencia simbólica ás cores, aos silencios e ao vento, aos elementos da natureza onde o mar está case sempre presente ou esa inequívoca reflexión sobre o paso do tempo, conxúganse coas “insólitas fulguracións” –en acaídas palabras de Eva Veiga- creando atmosferas propicias dentro da abstracción expresionista na que Xulio G. Rivas se manexa con mestría.

Un libro, en suma, para gozar con todos os sentidos. Sen dúbida, unha verdadeira alfaia.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o oito de setembro de 2017.