Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Xohana Torres: do Íberr a Penélope

A lectura, sábese ben, posibilita moitas veces descubertas marabillosas, desas que deixan pouso para sempre. A miña experiencia coa obra de Xohana Torres -nunca a tratei, nunca a coñecín, nunca a vin- modúlase nunha dirección que talvez non sexa a habitual, mais tampouco resulta privativa. No ano 1988 a profesora María do Carme Ríos Panisse exercía como profesora na Facultade de Filoloxía da USC: nunha listaxe de libros de obrigada lectura que facilitou ao seu alumnado apuntaba o título A outra banda do Íberr, de Xohana Torres. O cartucho tiña dúas cargas: a primeira reivindicaba o teatro, ese xénero tan deostado; a segunda apuntaba á traxectoria dunha autora da que case nada sabiamos.

Tras serios atrancos para atopar algún exemplar, pois o libro publicárase por Galaxia case vinte e cinco anos atrás, con cuberta e ilustracións de Xohán Ledo, demos con el. A busca pagou a pena pois aquel libriño foi fascinante: era posible tanta modernidade conceptual no teatro galego daquela altura? Era posible suxerir tantas cousas nunha escrita que conxugaba á mantenta distopía e realidade? Era, sen dúbida. Sempre é precisa a faísca para prender o lume. Esa faísca, ese acto de mediación do que fala o pedagogo francés Philippe Meirieau, regalóunola Ríos Panisse. Eu nunca lle dei as grazas e fágoo aquí con sinceridade porque aquela invitación disfrazada de lectura obrigatoria desatou en min a necesidade de saber máis dunha voz única que, xa por forza, seguín e admirei desde a igualmente innovadora novela Adiós, María, pasando polos libros pioneiros na literatura infantil e xuvenil ata, claro é, a súa poesía: de Do sulco a Elexías a Lola, quen o dubida, latexa o espírito creador indómito de Torres de mans dunha ansia rebordante de orixinalidade e perfeccionismo. Por extensión, deixou un ronsel no eido do maxisterio literario sen ter vontade de ser mestra de nada. E isto ocorre moi poucas veces.

Se cadra polo que contaba, sempre que podo, reivindico a importancia de ler a Xohana Torres. Un curso tras outro o alumnado de cuarto da ESO estráñase diante da lectura do célebre poemaPenélope, incluído en Tempo de ría e que remata «Eu tamén navegar». Deseguido veñen as preguntas: «Que é un oráculo?», «quen é Penélope?, pero hai varias Penélopes?». As máis das veces respóndense sen que eu interveña e resulta marabilloso asistir a eses diálogos. Neses momentos gústame pensar que vai haber alguén, de alí a un tempo, que camiñe pola vida acompañada por esta nova Penélope que Xohana Torres nos ensinou a amar. A poesía tamén é iso. Camiñarán máis sabias, libres e independentes, conscientes de quen son grazas a unha escritora cuxa vida se apagou este mércores pasado, pero que latexa con forza en todo aquilo que repousa nos seus libros.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de setembro de 2017.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 16 Setembro 2017 por en Literatura galega,Opinión , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: