Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Somos de Arxerís, de Xosé Carlos Carracedo Porto

Somos de Arxerís

Xosé Carlos Carracedo Porto (fotografías de Fuco Reyes)

Toxosoutos, Noia, 110 páxinas, 13 €, 2017.

 

Sempre resulta reconfortante atopar unha nova voz. Aínda o é máis cando esta procede dunha persoa moi nova como é Xosé Carlos Carracedo, un verdadeiro activista cultural como testemuña tanto a  revista que confundou e anima –Clicloxénese expresiva-como outras iniciativas culturais nas que participa.

   Con todo, dun ou doutro xeito, Somos de Arxerís será xa a súa carta de presentación no eido da literatura galega e converterase tamén nese necesario primeiro paso que cómpre dar para ir abríndose camiño. Teño para min que este Somos de Arxerís constitúe unha moi interesante proposta, traballada con indubidable intensidade, onde os diferentes relatos resultan independentes entre si mais, ao tempo, ofrecen unha cartografía senlleira dun territorio fantástico e real ao tempo, como é Arxerís, onde non é difícil que algúns personaxes, por veces sombras, dialoguen e adquiran unha inusitada vida propia, proxectándose en ocasións noutros espazos e territorios diferentes.

    O autor fainos entrar e saír nun universo literario en que se suceden acontecementos extraordinarios, noutras ocasións comúns, unidos ambos os dous por unha apelación compartida que paira sobre esa capacidade que non debemos perder nunca de sorprendernos e, mesmo, de interrogarnos directamente sobre o que é posible e o que non, sobre o paso do tempo, sobre a propia morte.

       Hai moita memoria, persoal e colectiva, peneirada nestes relatos; hai un mundo de lecturas previas que deixan innegablemente un pouso rico e vario; hai personaxes que se deixan querer e outros nos que se contaxia a benevolencia; hai moita melancolía, unha visión crítica dos nosos tempos, unha ollada comprensiva ás persoas que, en aparencia, son diferentes adobiadas, sempre, con grandes doses de esperanza; tamén hai un indubidable talento que se transmite no ritmo acaído da prosa, na escolla de diversas perspectivas narrativas e no tratamento particular, único, que recibe cada relato. Algo nada doado nunha tradición coma a nosa e, porén, Carracedo súmase con dignidade e convicción a un ronsel brillante e plural.

      Coido que foi unha sorte que o autor decidira dar á luz pública este libro e que, ao tempo, se acompañase dunhas imaxes tan suxestivas como as que subscribe o fotógrafo Fuco Reyes. Agardo pola próxima entrega do autor e, de certo, non serei o único.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: